
Ante a convocatoria dunha nova manifestación en defensa da sanidade pública en Valdeorras e os motivos que levan a esta mobilización, dende o Sergas vén de responderse que a “Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras garante a asistencia á poboación de Valdeorras e continúa a traballar para manter e mellorar a súa oferta asistencial”.
Así mesmo, indícase que “neste intre as consultas de Pneumoloxía que se realizan no Hospital Público de Valdeorras non teñen lista de espera, e contan con ocos libres nas axendas, tanto de primeiras consultas como revisións”.
Tamén se sinala dende a área sanitaria ourensá que “a coordinación do 061 garantiza a atención de emerxencia, mobilizando os recursos adaptados a cada situación, desde ambulancias a helicópteros. A incorporación permanente dunha ambulancia “medicalizada” ou de Soporte Vital Avanzado en Valdeorras non se limita ao vehículo, senón que previsaría destinar persoal médico específico as 24 horas dos 365 días do ano. Nun contexto de dispoñibilidade limitada de facultativos, esta decisión debe valorarse conxuntamente coas necesidades de cobertura dos centros de saúde e PAC, para garantir a mellor resposta asistencial ao conxunto da poboación”.
Finalmente, asegúrase que “o Sergas e a Área Sanitaria manteñen as medidas destinadas a garantir a cobertura e estabilidade do cadro de especialistas do Hospital Público de Valdeorras e por suposto continuarán a informar con transparencia sobre a actividade asistencial e evolución das listas de espera neste hospital, a partir de datos obxectivos e contrastables, publicados e accesibles na web do Sergas”.