Tras toda unha vida ligada ao Hospital Público de Valdeorras no Barco como auxiliar administrativa, Rosa María González Fernández xubilábase o pasado 9 de setembro. Pero non era ata estes venres día 11 cando decidía organizar unha petiscada para despedirse dos seus compañeiros, tanto actuais como anteriores, neste hospital cos que compartiu moitos momentos ao longo de máis tres décadas.
Natural de Roblido (A Rúa), Rosa María González comezaba a traballar en 1990 no Hospital Novoa Santos de Ferrol, pero apenas cinco meses despois trasladábase e entraba no hospital do Barco, onde desenvolvía toda a súa vida profesional ata agora pasando por diferentes departamentos. “Estiven en urxencias, en subministros, en mantenimiento e agora estaba como auxiliar administrativo farmacia”, comenta.

Este mediodía vivía momentos moi emotivos, despedíndose dos que foron ata agora os seus compañeiros, pero tamén reencontrándose con outros cos que coincidiu e que agora xa están xubilados. Confesa que aínda non procesou que estea xubilada. “Síntome como se estivera desfrutando de días libres ou de vacacións, aínda non me fixen a idea que estou xubilada”, asegura.

Coa súa xubilación pecha, destaca, unha experiencia profesional moi positiva no hospital valdeorrés. “Márchoume cunha vivencia positivísima, eu fun moi feliz no meu traballo, desfrutei moito do hospital, dos compañeiros, sempre hai algún episodio máis triste, pero posto nunha balanza nin se move. Fixen moitos amigos e amigas, tiven moi bos compañeiros, unhas compañeiras excelentes… Gardo un recordo gratísimo de todo o mundo e voume emocionada e encantada de telos coñecido. E iso quédame no corazón”.

Nesta petiscada, que tiña lugar na cafetería do hospital, participaban tanto médicos e enfermeiras, como persoal dos diferentes servizos do centro. “Quero agradecerlles a todos os compañeiros do centro cos que coincidín, cos que compartín traballo, pero tamén momentos inolvidables en celebracións, só sinto agradecemento para todos”, conclúe.
Durante a xuntanza, Rosa María González era agasallada polos asistentes cun fermoso centro de flores.
Fotos: O SIL e cedidas.


