SanidadeÚltima hora

Un estudo europeo con participación galega achega para espazar de 3 a 5 anos as colonoscopias de seguimento

Joaquín Cubiella, xefe de sección de Investigación da Área Sanitaria e especialista de Dixestivo do Hospital Universitario de Ourense, é o terceiro autor do estudo EP

O doutor Joaquín Cubiella./ Cedida.

 

O New England Journal of Medicine (NEJM), unha das revistas científicas de maior prestixio e impacto internacional, publica hoxe dous estudos que achegan evidencia que permitirá reducir con seguridade a periodicidade con que se realizan as colonoscopias de control ás persoas ás que se lles extirparon pólipos colorrectais de risco, considerados precursores do cancro.

Os artigos presentan os resultados a cinco anos dos ensaios EPoS II e EPoS III, centrados, respectivamente, nas persoas a seguemento con adenomas de alto risco e con pólipos serrados. A relevancia dos resultados levou á revista a dedicarlles tamén o seu editorial, no que analiza as posibles repercusións sobre as recomendacións e guías internacionais e a organización dos programas de seguimento.

No conxunto dos tres ensaios EPoS participaron máis de 20.000 persoas de 52 hospitais de oito países europeos: España, Noruega, Polonia, Dinamarca, Países Baixos, Suecia, Austria e Portugal. Máis dunha década de investigación permite dispoñer de datos contrastados para revisar os intervalos entre colonoscopias, adaptalos ao risco real de cada persoa e evitar probas que non acheguen beneficio.

«EPoS é o maior proxecto realizado ata agora para determinar, con evidencia científica, cada canto tempo debemos vixiar ás persoas ás que se lles extirparon pólipos considerados precursores do cancro colorrectal», explica Joaquín Cubiella.

O doutor Cubiella, especialista do Servizo de Dixestivo do Hospital Universitario de Ourense e xefe de sección de Investigación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, é o director do Grupo Galego de Investigación en Tumores Dixestivos é o terceiro autor asinante do artigo sobre EPoS II e investigador principal do proxecto en España no que participan os hospitais de Ourense e Vigo ademáis da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, responsable do Cribado de Cancro Colorectal.

A colonoscopia de control pode agardar cinco anos

EPoS II analizou se atrasar de tres a cinco anos a primeira colonoscopia de seguimento, das persoas ás que se lles extirparon adenomas de alto risco, ofrece a mesma seguridade. Estes pólipos inclúen lesións de dez milímetros ou máis, adenomas con displasia de alto grao —alteracións celulares que aumentan a súa capacidade de evolucionar cara ao cancro—, con compoñente veloso ou a presenza de varios adenomas.

No ensaio participaron 10.799 pacientes. Deles, 5.398 foron asignados a un grupo no que a primeira revisión se realizou aos cinco anos e 5.401 a outro no que o intervalo foi o habitual de tres anos.

A incidencia acumulada de cancro colorrectal aos cinco anos foi do 0,77 % entre os pacientes sometidos a unha vixilancia menos frecuente e do 0,82 % no grupo cun seguimento aos tres anos. A distribución dos cancros segundo o estadio no momento do diagnóstico tamén foi similar nos dous grupos.

Os resultados demostran que realizar a primeira colonoscopia de seguimento aos cinco anos non é inferior, en termos de seguridade, a facela aos tres. «Cando a colonoscopia inicial é de calidade e permite extirpar completamente as lesións, realizar a primeira revisión aos cinco anos é tan seguro como facela aos tres», subliña Cubiella.

Non menos importante é que a aplicación deste intervalo permitiu evitar 4.180 colonoscopias entre os participantes no estudo. Un dato que poderá ter especial impacto de trasladar estes resultados as guias ou protocolos, tanto na optimización para os pacientes como para os servizos sanitarios, ao reducir probas, preparacións e riscos innecesarios, ademáis de liberar capacidade asistencial.

«Alongar estes intervalos permitirá evitar colonoscopias que non achegan beneficio, reducir os riscos asociados á proba e destinar os recursos ás persoas que máis os necesitan», sinala o Dr. Cubiella.

Baixo risco nos pólipos serrados

O segundo artigo publicado hoxe polo NEJM recolle os resultados de EPoS III, centrado nas persoas ás que se lles extirparon pólipos serrados. Estas lesións presentan características diferentes, aos adenomas convencionais, e o seu risco de progresión cara ao cancro colorrectal estaba menos definido, polo que tampouco existía suficiente evidencia, para establecer a periodicidade máis axeitada das revisións.

EPoS III incluíu 1.861 pacientes. Durante os cinco anos de seguimento diagnosticáronse sete cancros colorrectais e non se rexistrou ningún falecemento por esta causa. A incidencia acumulada estimada foi do 1 %, un risco baixo, similar ao observado no grupo de persoas con adenomas de alto risco.

Estes resultados achegan información para orientar o seguimento deste grupo de pacientes. Con todo, o reducido número de casos fai necesario continuar a investigación ata completar o período de dez anos, previsto no ensaio, antes de establecer conclusións definitivas sobre o intervalo máis axeitado.

Unha colonoscopia inicial de calidade

Os dous traballos reforzan a importancia de realizar unha colonoscopia inicial de calidade, cunha exploración completa do colon, unha preparación adecuada e a detección e extirpación total das lesións. O baixo risco observado, durante os cinco anos posteriores, depende de que esa primeira proba se realice coas garantías necesarias.

A maior parte das recomendacións actuais indican unha colonoscopia de control aos tres anos para as persoas con adenomas de alto risco. Os resultados de EPoS II permiten valorar a ampliación deste intervalo ata os cinco anos, unha modificación que podería beneficiar a millóns de pacientes e reducir a presión sobre os programas de cribado ou seguemento preventivo.

Back to top button