CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Tres centros escolares de Valdeorras e un de Viana participarán no programa autonómico “Que non te líen, ti elixes”

Son IES Cosme López e CPR Pablo VI-Fátima da Rúa; CPR Plurilingüe Divina Pastora do Barco; e IES Carlos Casares

IES Cosme López. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Un total de 100 centros de secundaria de toda a Comunidade resultaron seleccionados para participar na primeira convocatoria deste curso do programa autonómico “Que non te líen, ti elixes”, levado a cabo polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Deste xeito, os centros acollerán charlas a prol de que as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero.

O cento de centros beneficiarios cobren o total de prazas ofertadas nesta iniciativa, o que mostra o crecemento do programa e o interese que suscita. En concreto, dos seleccionados, 38 son da provincia da Coruña, 35 pertencen á de Pontevedra, 15 á de Lugo e 12 á de Ourense, entre eles tres de Valdeorras (IES Cosme López e CPR Pablo VI-Fátima da Rúa; e CPR Plurilingüe Divina Pastora do Barco) e un de Viana do Bolo (IES Carlos Casares). Centros educativos galegos sostidos con fondos públicos onde estuda alumnado de 3º e 4º da ESO. A

finalidade do programa é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa. Así, as charlas didácticas e debates promovidos nos centros nesta nova edición do Que non te líen, ti elixes, seguirán estando dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina, que porán sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais.

Tamén porán en valor mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións. Así, nesta iniciativa teñen participado entidades como a Fundación Laboral da Construción, Lugomadera, Fearmaga, o Clúster TIC, Asime, Fundamar e Fegat. Ademais, nas actividades desta iniciativa inclúense contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións.

Back to top button