ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco únese á celebración do Día Internacional da Conciencia sobre a Perda Xestacional, Perinatal e Neonatal

 

Este xoves día 15 de outubro celébrase o Día Internacional da Conciencia sobre a Perda Xestacional, Perinatal e Neonatal, unha data dirixida a visibilizar a realidade das familias que sufriron a perda dun fillo ou filla durante a xestación, o parto ou nos primeiros días de vida.

A asociación Bolboretas no Ceo traballa de xeito activo para ofrecer apoio, acompañamento e un espazo de memoria a estas familias, ademais de promover a sensibilización social e o recoñecemento institucional do dó perinatal. Un ano máis, e co obxectivo de darlle visibilidade a este día, o Concello do Barco adhírese á convocatoria feita pola asociación, e levará a cabo a iluminación da fachada do Concello vello, en cores rosa e azul, durante a tarde/ noite do 15 de outubro, sumándose así ás accións de concienciación polo Día Internacional do Dó Perinatal.

O xesto de iluminar os monumentos ou edificios emblemáticos con cores representativas converteuse nunha iniciativa simbólica global para dar luz a este dó, moitas veces invisibilizado, e para facer sentir ás familias afectadas que a súa dor e a memoria dos seus bebés, son recoñecidas pola súa comunidade.

Back to top button