
Na mañá deste venres 16 de outubro, dous traballadores resultaban “feridos de carácter grave tras ser alcanzados por unha máquina esparexedora de pedrullo”, no concello ourensán de Cualedro, tal como indican dende o 112 Galicia, explicando que ambos “foron evacuados en senllos helicópteros medicalizados”.
Preto das dez desta mañá, o 112 Galicia recibía un aviso por mor dun accidente con dous traballadores implicados na localidade da Xironda. “Quen alertou a través do número único de emerxencias indicou que os dous foran atropelados por unha máquina esparexedora de grava e presentaban lesións importantes, polo que urxían a asistencia sanitaria”, din dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, cuxos xestores informaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron á zona senllos helicópteros con base en Santiago e Ourense.
“Tras recibir os primeiros coidados, os traballadores foron trasladados por vía aérea ao hospital de referencia”, indican dende o 112, engadindo que no operativo participaron, ademais, os axentes da Garda Civil e os Bombeiros de Verín, aínda que, á súa chegada, “os traballadores estaban liberados e accesibles”.