ConcellosTrivesÚltima hora

O Concello de Trives emite un comunicado para aclarar “o sucedido no incendio de Monteboi”

A alcaldesa e o concelleiro de Seguridade Cidadá destacan o papel decisivo dos medios municipais e de Protección Civil e reclaman responsabilidades ante a falta de resposta dos servizos competentes

Concello da Pobra de Trives.

 

A alcaldesa e o concelleiro de Seguridade Cidadá do Concello da Pobra de Trives veñen de emitir esta tarde un comunicado de prensa coa intención de “aclarar o sucedido no incendio rexistrado en Monteboi”, logo do difundido dende o 112 Galicia e dun comunicado emitido o luns pola Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Galicia. Para o Concello de Trives, o que se facía público “non reflicte con exactitude o desenvolvemento da intervención nin o papel que desempeñaron os medios municipais”.

Segundo o grupo de goberno trivés, “durante algo máis de vinte minutos, os medios do Concello de Trives e os voluntarios de Protección Civil foron os únicos efectivos que actuaron no lugar do incendio. Nese tempo, un traballador municipal, dous concelleiros do goberno local e tres voluntarios de Protección Civil, cos dous camións municipais, traballaron para controlar o lume e impedir que se propagase ás vivendas lindeiras. A actuación foi decisiva. O incendio non chegou a calcinar a totalidade da vivenda: unha parte quedou sen arder, aínda que sufriu danos e os efectos do fume. Ademais, non se produciron danos nas vivendas próximas”.

Posteriormente, prosegue a nota de prensa do Concello de Trives, “incorporáronse catro efectivos de Medio Rural, que colaboraron cos medios municipais nas tarefas de extinción. Ao lugar tamén se desprazou unha ambulancia do 061 con dous profesionais. Máis tarde chegaron dous efectivos do GES, que permaneceron na zona unha vez extinguido o incendio para controlar posibles reavivamentos. O lume quedou extinguido arredor da unha da madrugada”.

Tamén se pregunta o equipo de goberno trivés “onde estaban os medios de bombeiros da Xunta”. E indica que “o máis preocupante desta intervención é a tardanza na chegada dos medios competentes e o feito de que non acudise ningún efectivo do parque de bombeiros da Rúa. Nunha emerxencia deste tipo, nunha zona rural, a ausencia destes profesionais obriga a preguntarse que resposta pode esperar a veciñanza cando se produce un incendio e cada minuto conta. A Xunta de Galicia non pode esquecer o rural á hora de garantir servizos esenciais e protección ante as emerxencias, especialmente cando lle corresponden responsabilidades neste ámbito. As veciñas e os veciños de Trives teñen o mesmo dereito á seguridade ca os de calquera outro lugar de Galicia”.

O comunicado do Concello de Trives asegura que, “ante a falta de resposta dos servizos competentes, o Concello seguirá acudindo en auxilio da súa veciñanza, como fixo en Monteboi, pero non pode aceptar que a súa capacidade de reacción substitúa as obrigas das administracións responsables”. E incide en que o “caso de Monteboi pon de manifesto, ademais, a importancia dos recursos propios. O Concello, consciente das dificultades e das carencias na atención ás emerxencias no rural, conseguiu grazas á doazón dunha persoa particular un camión de bombeiros que resultou clave na intervención. Un vehículo ao servizo da veciñanza que demostrou a súa utilidade nunha situación real de emerxencia”.

Desde o Concello de Trives tamén “agradecen o traballo dos efectivos de Medio Rural e do GES, que se incorporaron posteriormente e colaboraron na intervención. Porén, consideran imprescindible recibir explicacións sobre a ausencia dos bombeiros da Rúa e sobre o que cualifican como unha falta de resposta reiterada das administracións competentes”.

A alcaldesa de Trives e o concelleiro tamén lamentan “non ter recibido ningunha chamada das administracións superiores competentes para interesarse pola situación ou pola intervención. Así mesmo, sinalan que a información remitida por SMS desde o 112 non se corresponde, en aspectos relevantes, co desenvolvemento da actuación nin cos danos que finalmente se produciron”.

Back to top button