
Cun doce sabor galego, e máis en concreto de Viana do Bolo, espertará a vindeira edición da Fiera del Folpo de Noventa Padovana (Italia). Así a vindeira edición deste evento gastronómico que aposta pola posta en valor do folpo, un tipo de polbo, abrirase na mañá do domingo 25 de outubro cun almorzo “moi especial que trae consigo o aroma de Galicia e o espírito da amizade e toda a enerxía do noso equipo do “Folpo” “, tal e como anuncia a Confraternita del Folpo, en cuxo posto se servirá esta degustación gratuíta para os asistentes que tomén café ou capuccino.

Nel poderá saborearse a bica de Viana do Bolo, en concreto a de catro elaboradores, que xa mandaron estes doces á cidade italiana: Bello Panadería, Forno Larouco, Panadería Vizcaya Prieto e Panadería O Chusco.
Este é un novo xesto da relación de amizade entre Viana do Bolo e esta confraternita italiana que recentemente nomeaba embaixador do folpo ao filólogo vianés Pedro Basalo. “Durante o noso irmandamento co Carballiño, descubrimos sabores, tradicións e persoas incribles. Pensamos: ¿por que non traer un pedacito desta terra marabillosa a Noventa?”. E nesa liña vai esta degustación gastronómica o vindeiro domingo.
Fotos cedidas.