SanidadeÚltima hora

Ourense acolle un congreso nacional sobre a historia da atención á saúde mental

O Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras organiza as XIV Xornadas de Historia da Asociación Española de Neuropsiquiatría, do 22 ao 24 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel

 

O Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras organiza, do 22 ao 24 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, as XIV Xornadas de Historia da Asociación Española de Neuropsiquiatría, un encontro nacional que abordará a relación entre arte e saúde mental, o valor dos arquivos documentais e experiencias asistenciais locais e universais como a do Sanatorio Psiquiátrico de Toén ou o proxecto ArtEspida de Piñor.

Coñecer a historia da medicina permite aprender das experiencias asistenciais e revisar os erros do pasado para evitar repetilos. Baixo o lema «Saberes especializados e saberes por experiencia», as xornadas incorporarán tamén a voz dos pacientes e a súa creación artística para comprender como influíron as normas sociais, as desigualdades e os cambios culturais na atención á saúde mental. Unha perspectiva que conecta a historia da medicina coa historia local e universal.

As xornadas inicianse ás 16.00 horas. Ás 16.30, Rafael Huertas pronunciará a conferencia inaugural, dedicada ao balance e ás perspectivas da historiografía psiquiátrica no século XXI. A primeira mesa analizará as experiencias, percepcións e reivindicacións das persoas atendidas ao longo da historia.

A arte e a voz de quen vive a enfermidade

A relación entre arte e saúde mental terá especial peso nas sesións do venres, con dúas mesas e participación ourensá. A experiencia de ArtEspida no hospital de Piñor será presentada polos psiquiatras ourensáns Chus Gómez, Antón Casáis e Alcira Cibeira, a psicóloga clínica María Carballo e os directores do espazo, Andrés Díaz e Ana Rodríguez. O programa permitirá abordar a creación artística como forma de expresión e como vía para coñecer a experiencia das persoas atendidas.

Neste apartado, os psiquiatras Óscar Martínez Azumendi e Luis Pacheco presentarán unha comunicación sobre autores e artistas nas chamadas «revistas dos tolos», que incluirá textos de Leopoldo María Panero inéditos nas súas antoloxías.

Panero (1948–2014), integrante dos Novísimos e considerado  «poeta maldito», desenvolveu unha obra marcada pola transgresión e pola súa experiencia en institucións psiquiátricas. A súa poesía e a súa presenza no documental “El desencanto” contribuíron a dar visibilidade pública a esa experiencia. A recuperación dos seus textos permite achegarse á súa voz como creador e á relación entre literatura, sufrimento psíquico e vida institucional.

A historia local tamén terá un espazo propio na mesa sobre experiencias asistenciais en España, que revisará a psiquiatría de sector no Sanatorio Psiquiátrico de Toén entre 1972 e 1980. Coordinada polos psiquiatras Xandre García Caballero e David Simón, permitirá recuperar unha etapa da saúde mental de Ourense e poñela en relación cos cambios do modelo psiquiátrico.

 

 

Os arquivos como memoria asistencial e social

A mesa de arquivos documentais contará con Miguel López Sánchez, do Arquivo de Galicia, que explicará a experiencia de difusión do fondo do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Transferido polo Sergas en 2012, reúne documentación que permite estudar tanto a atención sanitaria como a sociedade na que viviron as persoas ingresadas.

Un exemplo é a exposición Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo, organizada en 2023 con expedientes de ingreso, historias clínicas e correspondencia das internas. Estes materiais amosan como determinadas condutas que transgredían os roles de xénero eran interpretadas como enfermidade. En 2024, Mentes no labirinto: saúde mental, cultura e inclusión ampliou esta mirada con documentación de Conxo, Toén e Piñor e con obras artísticas dos pacientes.

Referentes da historia e da reforma psiquiátrica

Entre os participantes figura Rafael Huertas, médico e profesor de investigación do Instituto de Historia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en Madrid, especializado na historia da psiquiatría e nas relacións entre saúde e sociedade.

O programa tamén recolle a participación de Manuel Desviat, psiquiatra e referente da reforma psiquiátrica española. Foi presidente da Asociación Española de Neuropsiquiatría entre 1993 e 1997 e impulsou a transformación do antigo hospital psiquiátrico de Leganés nunha rede de servizos de saúde mental. Autor de La reforma psiquiátrica e Cohabitar la diferencia, mantén unha actividade de reflexión e publicación sobre a atención comunitaria e a saúde mental colectiva.

Back to top button