
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, compareceu esta mañá na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos cos que o seu departamento afrontará o vindeiro 2027, un ano no que agarda seguir recollendo os bos resultados turísticos destes últimos exercicios. Xosé Merelles subliñou que en 2027, os esforzos da Xunta de Galicia dirixiranse a incrementar a competitividade do sector e a enriquecer a oferta turística da comunidade; tamén a un maior investimento en promoción e a repartir de xeito equilibrado o beneficio económico que xera a actividade turística en todo o territorio.
Turismo de Galicia contará cun orzamento global de 132,3 millóns de euros, o que representa un incremento de 6,39 millóns respecto a 2026, próximo ao 5%, nun exercicio no que se procurará “promocionar e mellorar o noso modelo turístico”. As contas buscan consolidar un destino turístico competitivo, moderno, sostible e equilibrado, con efectos positivos para o conxunto da comunidade e máis alá de 2027.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou o compromiso da Xunta en materia turística coa modernización tecnolóxica do sector, co incremento da competitividade das empresas, coa ordenación turística do territorio e coa mellora da oferta dos recursos locais a través de apoio a concellos, entre outras accións prioritarias coma a celebración do Xacobeo 2027. Ademais, subliñou que o investimento turístico buscará atraer un visitante de maior poder adquisitivo ao redor de novos produtos vinculados co enoturismo e o turismo premium.
Xosé Merelles puxo en valor o crecemento dos orzamentos turísticos en xeral que medran pese a que en 2027 xa non se contarán con fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), cuxa execución finalizou en xuño deste 2026.
O responsable autonómico incidiu en que a evolución do destino debe medirse non só polo número de visitantes, senón tamén pola súa capacidade para xerar valor económico, emprego, rendibilidade empresarial e oportunidades nos distintos territorios.
Neste sentido, lembrou que Galicia recibiu ata setembro 5,7 millóns de visitantes que fixeron 11,2 millóns de noite nos establecementos da comunidade, un 3% máis que no mesmo período de 2025. O sector ingresou 394,5 millóns de euros, un 7,4% más con respecto aos nove primeiros meses do pasado ano e a rendibilidade incrementouse o 8%.
Modernizar o sector
A modernización do tecido empresarial turístico constitúe unha das principais liñas das contas de 2027. Así, os orzamentos para o vindeiro ano inclúen partidas para apoiar ás empresas turísticas en proxectos de dinamización, mellora das infraestruturas dos establecementos, impulso á dixitalización e o marketing dixital e a promover os valores do Camiño de Santiago e do Xacobeo.
Dentro deste paquete figura unha convocatoria de 8 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética dos establecementos turísticos, cofinanciada con fondos FEDER. Estas actuacións permitirán apoiar investimentos destinados á redución dos consumos, á modernización das instalacións e á mellora da sustentabilidade e da competitividade do sector turístico.
O obxectivo, segundo Xosé Merelles, é facilitar que “as empresas poidan investir, innovar e ofrecer mellores servizos”, adaptándose aos novos hábitos de viaxe e ás esixencias dun mercado cada vez máis competitivo.
A transformación tecnolóxica abrangue tamén a incorporación de ferramentas dixitais para a promoción, o marketing e a xestión turística, así como a utilización de información para coñecer mellor o comportamento dos visitantes e anticipar as necesidades do destino. Neste ámbito, a Xunta continuará avanzando na observación da sustentabilidade a través de ferramentas de intelixencia turística e da instalación de sensores para medir o fluxo en recursos turísticos e tamén nos Camiños de Santiago.

Ordenación turística e a mellora da oferta do territorio
Os orzamentos reforzan igualmente o papel das entidades locais na configuración dun destino máis equilibrado e sostible. Así, os orzamentos de Turismo de Galicia inclúen 5 millóns de euros para apoiar actuacións dos concellos e dos xeodestinos destinadas á mellora das infraestruturas e dos recursos turísticos.
Estas achegas permitirán impulsar proxectos relacionados coa accesibilidade universal, a mobilidade, os espazos de acollida, a xestión de residuos, a eficiencia enerxética, a dixitalización e a ordenación dos fluxos de visitantes. O documento orzamentario contempla tamén o apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes, ás festas de interese turístico e ás iniciativas de cooperación territorial.
“A finalidade é que os territorios conten con ferramentas para mellorar a experiencia dos visitantes e, ao mesmo tempo, preservar a calidade de vida da poboación residente!, afirmou o director de Turismo de Galicia. A ordenación dos fluxos e a distribución da actividade turística ao longo do ano e entre os distintos territorios forman parte desta estratexia.
Xosé Merelles destacou a importancia de continuar apoiando os xeodestinos e os concellos pequenos, así como os produtos que contribúen a diversificar a actividade turística, entre eles o termalismo, a enogastronomía, o turismo de natureza e o patrimonio histórico.
Novos produtos turísticos: Enoturismo e turismo premium
A planificación turística de 2027 prevé avanzar na creación e promoción de produtos que permitan atraer novos públicos, incrementar o valor engadido da oferta galega e favorecer a desestacionalización da demanda. Entre as liñas prioritarias figuran o enoturismo, a gastronomía e as experiencias turísticas singulares e de gama alta, integradas na estratexia de promoción nacional e internacional do destino.
O reforzo da promoción turística no Xacobeo 2027 constitúe unha das principais partidas do investimento turístico e contará con 35 millóns de euros e, no marco desta estratexia, a promoción internacional incrementará a súa dotación de 13 a 16 millóns de euros.
Este aumento permitirá intensificar as campañas nos mercados estratéxicos, a presenza en feiras, a colaboración con operadores turísticos e prescritores e as accións de promoción dixital. A estratexia prestará especial atención aos segmentos de maior valor engadido e aos produtos que contribúan a presentar Galicia como un destino atractivo durante os doce meses do ano.
O Xacobeo para todo o territorio
A celebración do Xacobeo 2027 terá un peso destacado nas contas de 2027, cunha dotación global de 96,67 millóns de euros vinculada ao Xacobeo. Entre as principais actuacións figura o Fondo Ultreia Xacobeo, inicialmente dotado con 9 millóns de euros, destinado a canalizar as achegas das empresas patrocinadoras á programación cultural, musical, deportiva e de promoción territorial. “A día de hoxe temos varios acordos pechados e estamos a negociar con preto de 60 empresas”, afirmou.
O orzamento reserva 7 millóns de euros para o novo contrato integral de mantemento e conservación dos itinerarios xacobeos, así como 4 millóns para proxectos sostibles de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico con uso turístico declarado ben de interese cultural. Ademais, o programa O Teu Xacobeo contará con 3 millóns de euros para promover iniciativas impulsadas por persoas autónomas, pemes, asociacións e entidades sen ánimo de lucro, reforzando a participación do tecido local na celebración.
Xosé Merelles concluíu que os orzamentos de 2027 deben reforzar as capacidades do destino, modernizar as empresas, mellorar as infraestruturas locais e consolidar novos produtos turísticos. “Son contas para investir, para ordenar, para formar, para promocionar e para conservar. Contas que apoian ás empresas e aos concellos, que coidan dos peregrinos e das comunidades residentes e que reforzan a posición internacional de Galicia”, afirmou.