SanidadeÚltima hora

A charla “Máis alá da audición: prevención, logopedia e apoio social na enfermidade renal”, no Hospital de Ourense

ALCER Ourense pon o foco na saúde auditiva e na logopedia para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal

 

ALCER Ourense vén de organizar a charla «Máis alá da audición: prevención, logopedia e apoio social na enfermidade renal», celebrada na Aula de Docencia do Edificio Cristal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). A actividade, aberta ás persoas usuarias da asociación e á poboación xeral interesada no tema, contou coa participación de profesionais da logopedia e da audioloxía social para abordar cuestións que poden afectar á autonomía e ao benestar das persoas con enfermidade renal.

Esta iniciativa enmárcase no labor de ALCER Ourense de identificar e dar visibilidade a necesidades que van máis alá do tratamento médico da enfermidade renal, facilitando información sobre prevención, atención especializada e recursos sociais que poden contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas e das súas familias.

A sesión comezou coa intervención de Francesc Carreño, director nacional da Área Social de GAES, quen salientou a importancia da prevención e da detección temperá da perda auditiva. As dificultades para oír non só afectan á percepción dos sons, senón tamén á comunicación e ás relacións sociais, polo que a súa identificación temperá resulta fundamental para abordar as súas consecuencias e reducir o risco de illamento.

Carreño tamén incidiu na dimensión social da perda auditiva e nas barreiras económicas que poden dificultar o acceso a solucións auditivas, especialmente entre as persoas en situación de vulnerabilidade.

 

 

A logopedia ante as repercusións da enfermidade renal

A continuación, Jennifer Rodríguez García, logopeda do Centro Médico Progreso de Ourense, explicou o papel da logopedia na prevención, avaliación e tratamento das alteracións da comunicación, a linguaxe, a fala, a voz, a audición e a deglución.

Durante a súa intervención, abordou a relación entre a Enfermidade Renal Crónica (ERC) e distintas dificultades que poden afectar a estas funcións, como a perda auditiva, as alteracións cognitivas e os cambios na voz. Tamén afondou nas dificultades relacionadas coa alimentación e coa seguridade da deglución, que poden verse condicionadas por factores como as complicacións neurolóxicas, a fraxilidade ou o deterioro funcional.

A relatora explicou que a intervención logopédica pode contribuír a avaliar as dificultades de cada persoa, rehabilitar as capacidades alteradas e incorporar estratexias que faciliten a comprensión e a expresión, favorecendo a autonomía e a participación na vida cotiá. Así mesmo, salientou a importancia de adaptar a intervención ás necesidades individuais e de traballar en coordinación co resto dos profesionais sanitarios, incluídos os responsables do seguimento nutricional e renal.

Audioloxía social: facilitar o acceso ás solucións auditivas

A última intervención correu a cargo de María Fernández González, traballadora social e delegada da Área Social de GAES Galicia, quen presentou os recursos desta área para facilitar o acceso a solucións auditivas ás persoas con dificultades socioeconómicas.

A audioloxía social combina a atención audiolóxica profesional co apoio económico a persoas que, pola súa situación, non poden asumir o custo dos audífonos ou doutras solucións auditivas. Entre os recursos presentados figuran os estudos e as revisións auditivas gratuítas, as probas de audífonos, as axudas económicas para a súa adquisición e para determinadas axudas técnicas e reparacións, así como o asesoramento e a xestión de recursos económicos.

Fernández González tamén incidiu nas consecuencias que pode ter o atraso na adaptación dos audífonos. Segundo o estudo Situación da perda auditiva en España: Estudo EuroTrak 2023 o 71 % das persoas usuarias de audífonos considera que debería comezar a utilizalos antes, e a perda de oportunidades de vida social figura entre os motivos destacados.

 

 

A información e o acompañamento, parte da atención integral

Con esta iniciativa, ALCER Ourense continúa desenvolvendo o seu labor de información e acompañamento ás persoas con enfermidade renal e ás súas familias, dando visibilidade a necesidades que van máis alá do tratamento da propia enfermidade e achegando información sobre recursos especializados.
A charla permitiu afondar na relación entre a saúde renal, a audición e a logopedia, así como dar a coñecer alternativas de apoio profesional e social que poden contribuír a mellorar a autonomía, a comunicación e a participación social das persoas con enfermidade renal.

Back to top button