SanidadeÚltima hora

De Nai a Nai amosa a súa preocupación por que “unha única matrona deba atender simultáneamente 2 consultas” en Primaria en Valdeorras

Dende a área sanitaria ourensá asegúrase que ante a baixa da matrona de Atención Primaria, "convocouse a súa substitución con persoal da lista de contratación temporal, ata o momento sen éxito, ante a falta de matronas dispoñibles"

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Asociación De Nai a Nai, Grupo de Apoio á Lactación Materna e Crianza Respectuosa de Valdeorras, vén de emitir unha nota de prensa na que expresa a súa “preocupación pola situación da atención sanitaria ás mulleres, ás xestantes, aos bebés e ás súas familias na comarca”, indicando que “unha única matrona debe atender simultaneamente dúas consultas”.

Así, segundo esta entidade, “en Valdeorras existen dúas consultas de matrona con tarefas diferenciadas. A de Atención Primaria encárgase do seguimento do embarazo, da atención ao posparto ata o mes e medio, e do cribado do cancro de cérvix en mulleres maiores de 35 anos. Pola súa banda, a consulta de Atención Especializada atende cuestións relacionadas coa saúde sexual e reprodutiva, a planificación familiar, o cribado do cancro de cérvix en mulleres de 25 a 35 anos, o solo pélvico, a menopausa e a consulta preconcepcional”.

De Nai a Nai indica que, “segundo a información que nos chegou, actualmente unha única profesional estaría asumindo a actividade de ambas consultas, ao non estar cuberta a consulta de Atención Primaria. Esta situación suscita preocupación pola sobrecarga asistencial e polos posibles atrasos e limitacións na atención. Consideramos importante que se garanta a cobertura de ambas consultas, xa que responden a necesidades diferentes e fundamentais para a saúde das mulleres”.

Para esta asociación, tamén resulta “especialmente preocupante a situación da educación maternal, que non se impartiu durante o verán, retomouse en outubro e volveu interromperse. Trátase dunha prestación incluída na carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde (Real decreto 1030/2006), que contempla a preparación ao parto, o fomento da lactación materna e a prevención da incontinencia urinaria. Non é, polo tanto, unha actividade accesoria, senón parte da atención que debe recibir a muller durante o embarazo”.

Por outra banda, De Nai a Nai tamén sinala no seu comunicado que outra das cuestións que lle preocupa “é a información recibida sobre os períodos nos que o Hospital Público de Valdeorras podería quedar sen cobertura de matrona cando esta debe acompañar a unha muller embarazada durante un traslado sanitario a Ourense, unha situación que podería prolongarse durante aproximadamente catro horas”.

Isto implicaría, segundo a asociación, que “se durante ese tempo chega unha muller en traballo de parto, non podería ser atendida por unha matrona. A colaboración entre profesionais sanitarios é necesaria e fundamental, pero consideramos importante coñecer que garantías existen para asegurar a dispoñibilidade de persoal con formación especializada en atención obstétrica tamén nestas circunstancias”.

Desde De Nai a Nai, conclúen, “en coherencia cos nosos fins de defensa dos dereitos das mulleres e das crianzas, de promoción da lactación materna e de apoio a unha atención respectuosa durante o embarazo, o parto e o posparto, consideramos importante dar a coñecer o que está a suceder e esiximos solucións que garantan as prestacións”.

Convocada a substitución da baixa da matrona

Con respecto ás cuestións plantexadas dende De Nai a Nai, dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco indícase que “ante a baixa da matrona de Atención Primaria, convocouse a súa substitución con persoal da lista de contratación temporal, ata o momento sen éxito, ante a falta de matronas dispoñibles. Mentres non se incorpore ou se cubra a praza, as súas consultas están sendo asumidas pola matrona vinculada do Hospital Público de Valdeorras, centro onde están situadas as consultas de ambas profesionais”.

A xerencia da área tamén explica que “esta cobertura temporal obriga a priorizar a atención ás consultas e probas de cribado ou control, fronte ás clases de preparación ao parto, que se retomarán en canto se cubra a baixa”. E matízase que “a baixa da profesional de primaria non afecta ao paritorio, xa que cando a matrona debe acompañar unha paciente nun traslado, este servizo queda sempre atendido polo xinecólogo”.

Back to top button