OurenseÚltima hora

XIX Encontro da Rede de Vilas Termais da FEMP en Archena (Murcia)

O presidente da Deputación de Ourense e da Rede, Luis Menor, anunciou que Ourense impulsa un proxecto piloto de investigación que pretende "acreditar cientificamente os resultados de determinadas terapias termais e abrir o camiño ao seu eventual recoñecemento sanitario "

 

Na xornada deste xoves 5 de novembro, o presidente da Deputación de Ourense e da Rede de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Luis Menor, participaba no XIX Encontro e na Asemblea desta entidade, celebrados na localidade murciana de Archena, onde situou a investigación científica e o recoñecemento sanitario das terapias termais entre os principais desafíos de futuro do sector.

Menor defendeu a necesidade de dar un salto cualitativo na consideración do termalismo, tradicionalmente asociado ao turismo, ao lecer e ao descanso, para avanzar cara ao recoñecemento das súas posibles aplicacións no ámbito sanitario, sempre a partir de evidencias científicas rigorosas. “O termalismo asóciase ao lecer e, de maneira tanxencial, á saúde. Queremos dar o salto para que sexa recoñecido como unha fonte de saúde, pero para iso temos que acreditar cientificamente os seus beneficios”, explicou o presidente durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. Neste sentido, sinalou que o obxectivo último é dispoñer dunha base científica que permita solicitar a incorporación de determinadas terapias termais á carteira de servizos sanitarios, tanto no ámbito estatal como nas carteiras complementarias das comunidades autónomas.

Precisou que non se trata de substituír os tratamentos médicos existentes, senón de estudar a posible incorporación de intervencións termais como alternativas complementarias, sempre que a investigación avale a súa eficacia. “Podemos falar das propiedades beneficiosas das augas mineromedicinais, pero para que un médico poida prescribir un tratamento termal é necesario demostrar cientificamente os seus resultados. A clave é pasar da crenza e da experiencia acumulada á evidencia científica”, subliñou.

 

 

Ourense, á vangarda da investigación termal

Neste contexto, Luis Menor destacou o traballo que se está a desenvolver en Galicia para impulsar unha experiencia piloto de investigación científica sobre determinadas terapias termais, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Universidade de Vigo. O proxecto pretende reunir a capacidade investigadora da universidade e a participación da administración autonómica competente en materia sanitaria, co obxectivo de analizar os resultados de determinadas intervencións e estudar, se a evidencia o permite, a súa posible incorporación aos servizos de saúde.

A iniciativa en preparación contempla tamén a colaboración de profesionais sanitarios, especialistas en hidroloxía médica e establecementos balnearios, co propósito de deseñar unha investigación rigorosa, con protocolos de actuación, indicadores obxectivos e garantías científicas. Entre as patoloxías que se están a valorar figura a artrose de xeonllo, pola súa elevada prevalencia e pola existencia de estudos previos sobre balneoterapia neste ámbito.

Menor explicou que a aspiración é converter Ourense nun primeiro banco de probas dunha metodoloxía que posteriormente poida compartirse co conxunto da Rede de Vilas Termais, favorecendo a ampliación das investigacións e o intercambio de coñecementos entre territorios. “Estamos a traballar para unir os esforzos da investigación universitaria coa receptividade da administración sanitaria, porque queremos que o termalismo poida avanzar polo camiño correcto cara ao seu recoñecemento”, sinalou.

 

 

Unha Rede en expansión que podería alcanzar as 83 entidades

O presidente fixo tamén balance da evolución da Rede de Vilas Termais durante o mandato iniciado en marzo de 2024, destacando a recuperación da súa actividade, o impulso de novos proxectos e o crecente interese de municipios e deputacións por incorporarse a esta estrutura de cooperación. Luis Menor agradeceu a hospitalidade do Concello de Archena e da súa alcaldesa, Patricia Fernández, e destacou a idoneidade deste municipio murciano como sede do XIX Encontro de Vilas Termais.

Actualmente, a Rede está integrada por 77 entidades locais distribuídas en 12 comunidades autónomas. Segundo avanzou Menor, as incorporacións previstas permitirían elevar esta cifra ata as 83 entidades. Entre as novidades, destacou a chegada de dúas novas deputacións provinciais e os contactos para incorporar outras dúas, o que permitiría practicamente duplicar a presenza histórica das institucións provinciais na Rede.

Tamén puxo en valor o interese de administracións de especial relevancia, citando o Concello de Valencia e as deputacións de Barcelona e Valencia como exemplos do reforzo institucional que está a experimentar a organización. “Durante este mandato recuperamos moita actividade e estamos conseguindo incorporacións moi importantes, que demostran a fortaleza e a utilidade desta Rede”, afirmou. A entidade impulsou neste período iniciativas como o Plan de Turismo Termal, o Sistema de Intelixencia Turística e o Catálogo Dixital de Vilas Termais, ademais de actuacións relacionadas coa promoción conxunta, a formación e a accesibilidade.

 

 

O termalismo, unha riqueza que non se pode deslocalizar

Outro dos eixos da intervención de Luis Menor foi a importancia económica e social do termalismo, especialmente nos pequenos municipios e nos territorios rurais que afrontan o reto demográfico. O presidente lembrou que máis da metade das Vilas Termais da Rede están situadas en municipios de menos de 2.500 habitantes, polo que o aproveitamento das augas mineromedicinais representa unha oportunidade de creación de emprego, actividade económica e asentamento de poboación.

“Temos un recurso único, que non podemos mover de onde se atopa. Precisamente por iso é un factor de crecemento e de asentamento de poboación, especialmente nos concellos máis pequenos”, destacou.
Menor incidiu en que o desenvolvemento dos balnearios beneficia non só aos propios establecementos, senón tamén á hostalaría, ao comercio, aos produtores locais e ao conxunto da economía dos territorios. Neste sentido, vinculou o posible recoñecemento sanitario de determinadas terapias termais cunha nova oportunidade para ampliar a actividade do sector, favorecer a desestacionalización e reforzar a viabilidade económica dos establecementos.

 

 

Unha Asemblea para reforzar a cooperación e planificar o futuro

O XIX Encontro incluíu a celebración da Asemblea da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da FEMP, na que se abordaron a evolución da Rede, a memoria de actividades e execución orzamentaria de 2025 e a planificación das actuacións para o período 2026-2027. Neste marco, Menor defendeu a necesidade de seguir ampliando a cooperación con universidades, centros de investigación, administracións públicas, profesionais sanitarios e empresas, co propósito de consolidar unha Rede máis aberta e con maior capacidade para desenvolver proxectos compartidos.

O presidente lembrou que o futuro do termalismo debe construírse arredor de tres grandes compromisos: coidar das persoas, conectar territorios e institucións e xerar novas oportunidades de desenvolvemento sostible.

 

Back to top button