ConcellosÚltima hora

Falece no Barco Cristóbal Ruiz Leivas, un referente da micoloxía en Galicia

O seu funeral está previsto para o sábado 7 de novembro ás 11:30h. na igrexa de Santa Rita, no Barco

 

Era un auténtico apaixonado do mundo dos cogomelos. Chegaba a eles case por azar, nunha época na que a necesidade apremiaba e o feito de descubrir que os fungos eran comestibles, convertíase nun auténtico agasallo para el. Dende entón, Cristóbal Ruiz Leivas, veciño do Barco, dedicouse a el como afeccionado, pero convertíndose nun auténtico sabio nesta materia, na procura de especies, da súa catalogación, compartindo coñecementos con investigadores galegos, nacionais e internacionais e, sobre todo, divulgando a relevancia e riqueza micolóxica valdeorresa e das comarcas limítrofes.

Natural da Coruña e fillo de militar, de neno trasladábase cos seus pais e os tres irmáns a Mondoñedo, a terra da súa mai. E, pouco despois, falecía o seu pai. Cristóbal tiña tan só 8 anos. A Valdeorras chegaba nos anos 50 e comezaba a traballar en CEDIE, no Barco. E era aí cando entraba en contacto co mundo da micoloxía. Contaba que os seus compañeiros levaban bocadillos de cogomelos, algo que nunca se lle pasara pola cabeza, e comezou a interesarse por elas e por toda a cultura que as rodeaba, de xeito autodidacta, nos ratos libres que tiña tras o traballo e o coidado da súa familia, a súa dona Matilde e os seus fillos Marisa, Carmen, Pepe e Juan.

E ademais de buscar información, comezaba a saír ao monte na súa procura, achegándose ao mundo da natureza, das plantas e descubrindo a beleza de flores como as orquídeas. Co tempo, Cristóbal Ruiz convertiuse nun gran coñecedor do mundo dos fungos e comezou a impartir charlas para informar sobre os fungos, as súas caraterísticas e, sobre todo, incidindo na relevancia de diferenciar entre aqueles comestibles e os que non o eran.

As primeiras, da man da Sección de Micoloxía do Kirlo, denominada Pantorra. Eran conferencias que, despois, comezaron a complementarse con degustacións gastronómicas, cunha gran acollida. A continuación, incorporábase a esa formación Extensión Agraria.

 

 

Tras a súa xubilación, tras 40 anos, en Cedie, Cristóbal Ruiz Leivas centrouse na súa familia e tamén na súa paixón, os cogomelos. Ademais de seguir recompilando información (incorporándose ademais ás novas tecnoloxías), continuaba cunha intensa actividade de charlas e accións divulgativas, tamén saíndo ao campo e escribindo. De feito, durante moito tempo foi colaborador do Periódico O SIL, a través de cuxas páxinas compartía os seus coñecementos.

Esa fascinación polos cogomelos conservouna ata o final. Neste 6 de novembro este veciño de Valdeorras, onde era moi coñecido e querido, falecía aos 93 anos de idade. A súa capela ardente instalarase no Tanatorio Santa Rita do Barco, na Sala 2, a partir das catro da tarde.

O seu funeral está previsto para o sábado 7 de novembro ás 11:30h. na Igrexa de Santa Rita do Barco, despois será soterrado no cemiterio desta localidade. Será a despedida dun entusiasta dos cogomelos, que contaxiou da súa fascinación por ese mundo natural á súa familia e veciñanza e tamén puxo en valor a riqueza e diversidade micolóxica de Valdeorras e da provincia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button