
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, asistiu no Hotel Oca Puerta del Camino ao acto de entrega dun cheque solidario de 12.746 euros á asociación Art for Dent, destinado a apoiar a investigación da enfermidade de Dent.
A iniciativa enmárcase na colaboración entre a Gladiator Race e a Xunta de Galicia e vincúlase coa dimensión social do Xacobeo 2027, unha celebración aberta á participación da sociedade, das entidades e do tecido empresarial, tamén a través de actividades deportivas, culturais e solidarias.
A cantidade recadada procede da Gladiator Race, celebrada o pasado 12 de setembro na Cidade da Cultura, do tardeo solidario organizado no Hotel Oca Puerta del Camino e das doazóns realizadas a través da plataforma Mi Grano de Arena. Esta iniciativa conta coa participación de distintas entidades, entre elas Banco Mediolanum e do equipo de investigación Nefrochus, vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).