Última hora

A CEO reforza as súas relacións empresariais con China e explora novas oportunidades de negocio para as empresas ourensás

O presidente da Confederación Empresarial de Ourense, David Martínez Alonso, e o vicepresidente, César Blanco, desenvolveron unha misión institucional e comercial en Chengdu e Chongqing (provincia de Sichuan) do 28 de outubro ao 3 de novembro

 

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) vén de completar unha misión institucional e comercial na China co obxectivo de reforzar as relacións empresariais internacionais, identificar novas oportunidades de negocio e favorecer a apertura do tecido produtivo ourensán a mercados exteriores. Esta iniciativa tamén permitiu explorar a posibilidade de formalizar un convenio de colaboración que contribúa a estreitar os vínculos empresariais entre ambos os territorios e facilite o desenvolvemento de futuras iniciativas conxuntas.

A delegación, integrada polo presidente de la CEO, David Martínez Alonso, e o vicepresidente, César Blanco, desenvolveu unha axenda de traballo entre o 28 de outubro e o 3 de novembro en Chengdu e Chongqing, dous importantes centros económicos da China que destacan pola súa actividade industrial, comercial, loxística e tecnolóxica.

Esta iniciativa enmárcase no compromiso da Confederación Empresarial de Ourense coa internacionalización das empresas da provincia, a diversificación de mercados e o establecemento de relacións comerciais que contribúan a mellorar a súa competitividade e as súas posibilidades de crecemento e investimentos.

Chengdu: innovación e oportunidades para o sector agroalimentario

A primeira parte da misión desenvolveuse en Chengdu, onde a delegación empresarial visitou, entre o 29 e o 31 de outubro, un salientable encontro comercial internacional celebrados no Centro Internacional de Convencións e Exposicións Century City.

Por unha banda, a Sichuan Agricultural Expo, 16 Feira da Pataca e a 12 Feira Internacional Agroalimentaria da China, celebrada entre o 30 de outubro e o 2 de novembro, que reúne a empresas e profesionais vinculados ao sector agroalimentario, a innovación agrícola e a modernización rural.

A presenza nestes encontros permitiu aos representantes da CEO coñecer de primeira man as tendencias do mercado asiático, analizar os avances tecnolóxicos e comerciais de ambos os sectores e identificar posibles vías de colaboración con empresas e organizacións internacionais.

Estas actividades adquiren especial interese para a economía ourensá e galega, dada a importancia de sectores como a agroalimentación, a industria e a innovación, que poden atopar na cooperación internacional novas oportunidades de desenvolvemento e expansión comercial.

Chongqing: un enclave estratéxico para a cooperación empresarial

A segunda parte da misión tivo lugar os días 1 e 2 de novembro en Chongqing, un dos principais centros industriais, loxísticos e comerciais da China, cuxo posicionamento nos mercados internacionais convérteo nun enclave de especial interese para o establecemento de relacións empresariais.

Durante esta etapa, a delegación da CEO profundou nas oportunidades que ofrece esta contorna económica para as empresas galegas, especialmente no relativo á identificación de posibles socios comerciais, o acceso a novas canles de distribución e o desenvolvemento de alianzas estratéxicas.

Neste contexto, cobra especial relevancia a Antena do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) na China, impulsada pola Xunta de Galicia, que proporciona apoio e infraestrutura para facilitar a entrada de empresas galegas no mercado asiático.

Este instrumento constitúe un recurso de interese para aquelas compañías que buscan ampliar a súa actividade internacional, establecer contactos comerciais ou coñecer as particularidades do mercado chinés, contribuíndo a reducir as dificultades asociadas aos procesos de internacionalización.

A internacionalización como vía de crecemento para as empresas de Ourense

Con esta misión, a Confederación Empresarial de Ourense reafirma a súa aposta por fortalecer a presenza do tecido empresarial provincial nos mercados internacionais e promover novas relacións comerciais que poidan traducirse en oportunidades de investimento, innovación e crecemento.

A CEO considera que a apertura a novos mercados representa unha oportunidade estratéxica para o conxunto das empresas ourensás, incluídas as pequenas e medianas empresas, que poden beneficiarse do intercambio de coñecementos, a cooperación con socios internacionais e o acceso a novas redes comerciais.

Neste sentido, a misión desenvolvida en Chengdu e Chongqing permitiu ampliar o coñecemento sobre dous importantes centros económicos do mercado chinés e identificar ámbitos de interese para futuras relacións empresariais.

A Confederación Empresarial de Ourense avanza que continuará traballando para achegar as empresas da provincia a novas oportunidades internacionais, favorecendo a creación de alianzas, a diversificación da súa actividade e o fortalecemento da súa posición competitiva.

Con iniciativas como esta, a CEO busca contribuír a unha economía provincial máis aberta, conectada e preparada para aproveitar as oportunidades que ofrecen os mercados globais.

Back to top button