CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Taller de lingua de signos para bebés, o 11 de novembro no Barco

A sesión, promovida pola Asociación De Nai a Nai, será impartida por Marta Canellas e será na sede desta entidade no edificio da biblioteca pública

 

A Asociación De Nai a Nai organiza no Barco de Valdeorras un taller de lingua de signos para bebés que se celebrará o próximo 11 de novembro, ás 17.30 horas, co obxectivo de achegar ás familias novas ferramentas para comunicarse cos seus fillos e fillas antes de que comecen a falar.

A actividade, titulada «Lingua de signos para bebés. Comunícate co teu bebé antes de que poida falar», será impartida por Marta Canellas Balaguer, intérprete de lingua de signos española. O taller celebrarase no edificio da Biblioteca Pública, na cuarta planta, e a participación será libre e gratuíta.

“A lingua de signos para bebés é unha ferramenta que permite aos máis pequenos expresar necesidades, desexos e emocións mediante xestos sinxelos que acompañan á comunicación oral. A través de signos adaptados á súa idade, os bebés poden empezar a transmitir mensaxes relacionadas con situacións cotiás, como pedir auga, sinalar que teñen fame, expresar que queren máis ou indicar que algo lles gusta”, explica a presidenta de De Nai a Nai, Lorena Prada.

Este método aproveita o feito de que os bebés “desenvolven progresivamente a súa capacidade para comprender e comunicarse mediante xestos antes de adquirir a destreza necesaria para pronunciar as súas primeiras palabras. As familias poden incorporar os signos ás súas rutinas diarias, acompañándoos sempre da palabra falada e dunha interacción próxima e afectuosa”.

A proposta non pretende substituír a fala, “senón ofrecer un recurso complementario para facilitar a comunicación durante os primeiros anos de vida. A súa práctica tamén pode axudar ás familias para prestar atención aos sinais dos seus bebés e a crear momentos de conexión a través do xogo, a repetición e as actividades cotiás”, matiza Prada.

Durante o taller, as persoas asistentes poderán achegarse a este sistema de comunicación e coñecer como introducir os signos no día a día familiar.

A actividade ofrece a nais, pais e outras persoas coidadoras a posibilidade de coñecer recursos prácticos para acompañar o desenvolvemento comunicativo dos máis pequenos desde unha etapa temperá.

A iniciativa está organizada por De nai a nai e conta coa colaboración do Concello do Barco de Valdeorras. “Con esta iniciativa, De nai a nai e o Concello do Barco de Valdeorras achegan ás familias unha proposta formativa centrada na crianza e na procura de novas ferramentas para reforzar o vínculo e a comunicación cos bebés”, sinala a asociación.

Back to top button