
O C.R.D.O. Ribeiro inauguraba o 5 de novembro a duodécima edición do ciclo “CatArte” coa presentación conxunta de dúas das súas adegas de colleiteiro de Castrelo de Miño: Adega Pousadoiro e Casal do Canteiro. Alfredo Fernández e Jonatán Pousada foron os encargados de guiar a cata e presentación dos seus viños, un total de seis referencias entre brancos e tintos (Pousadoiro, Casal do Canteiro, Scalpellino Viticoltore, Dona Gotto, El tinto de Candela y Valentina e Amphora), en total harmonía con acompañamentos gastronómicos, así como coas versións musicais máis animadas interpretadas por Iago Vázquez, quen foi o encargado de poñer a nota musical con cancións dos anos 80, 90 e 2000 nesta primeira sesión.
O evento tivo lugar na primeira planta do Centro Cultural Marcos Valcárcel, xestionado pola Deputación de Ourense, onde se exhibe a exposición fotográfica “Ecosistema dunha rodaxe” de Esteban Delaiglesia. Nesta exposición, o artista explora dúas facetas: a de director de fotografía profesional e a de artista visual, co obxectivo de destacar o traballo de todo o equipo implicado na realización cinematográfica. Máis concretamente, a exposición é unha homenaxe á persoa que está detrás da cámara.
Esta duodécima edición continúa a tradición das catas de viño benéficas, e a recadación da venda de entradas solidarias e da “fila 0”)vai integramente á Fundación Diego González Rivas. A misión da fundación é achegar a cirurxía torácica mínimamente invasiva aos pacientes que se atopan con maiores barreiras para acceder a ela. Entre os participantes na inauguración estaban a presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias; o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Marcos Vázquez; a voluntaria da Fundación Diego González Rivas, Marisol Fernández e o deputado provincial pola Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.

Viño e Arte
O ciclo celébrase durante catro xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, do 5 ao 26 de novembro, con presentacións e catas de viños de adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e actuacións musicais. A asistencia está limitada a 100 persoas por día, e as entradas solidarias, cun custo de 9 € por persoa, están dispoñibles a través da plataforma en liña “Entradium”.
O xoves 12 de novembro presentaranse os viños institucionais do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, acompañados pola música en directo de Lois Alonso, recanteiro no programa “Luar” da TVG. O xoves 19 de novembro, Bodegas Casal de Armán ofrecerán unha cata dos seus viños, acompañada pola música do dúo Soul&Roll. E para concluír esta duodécima edición, o gran broche final será o xoves 26 de novembro, onde Bodega Alanís brindará unha cata dos seus viños harmonizados con petiscos gastronómicos e acompañada pola música do disc jockey Álvaro Alonso.