O valor do xornalismo de calidade, rigoroso, diferenciado e feito dende o propio territorio e para o mundo era reivindicado polo Periódico O SIL na tarde do 9 de novembro no Liceo de Ourense. Este medio de comunicación participaba no II Encontro de Xornalismo Social “Somos Esenciais”, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia no marco do Premio do mesmo nome, que ganaban na súa sexta edición María A. Rodríguez e Carlos G. Hervella polo seu traballo “Megaincendios na provincia de Ourense. A traxedia das chamas”, sobre a vaga de lumes que asolaba a provincia en agosto de 2025 e que se publicaba na súa edición en papel de setembro dese mesmo ano.

Tanto María A. Rodríguez como Carlos G. Hervella, cuxa intervención abría o acto, presentado por Francisco González Sarria, vicedecano do Colexio Xornalistas de Galicia, agradecía a iniciativa desta entidade de promover este premio e tamén esta xornada que “constitúe unha oportunidade moi interesante para achegarlle directamente á sociedade que é e o que implica o traballo xornalístico, xa que o habitual é publicar unha crónica, unha reportaxe, unha entrevista… pero a realidade do labor e esforzo que hai por detrás dela descoñécese socialmente”. Ademais agradecían aos responsables de Comunicación de Gadis a aposta por este premio e o seu apoio ao xornalismo social. Tamén expresaban o seu agradecemento ao Liceo de Ourense por acoller a xornada.
Despois, María Rodríguez explicaba como xurdía e como se realizaba o traballo xornalístico premiado, comentando que se enmarca dentro dun labor de seguimento dos incendios forestais que o Periódico O SIL leva realizando case trinta anos posto que, “desgraciadamente a provincia de Ourense, e de xeito especial a súa parte oriental, leva décadas padecendo graves incendios. Iso permitiunos vivir e comprender a evolución dos lumes e como estes foron mudando, pasando de ser un problema medioambiental e económico, limitado ao monte, a converterse nunha auténtica emerxencia social que pón en perigo aldeas e vilas, máis alá das consecuencias ambientais, ecolóxicas e económicas”.
Nese senso, a xornalista do Periódico O SIL, facía percorrido polos traballos publicados neste medio con esta temática, explicando como foron mudando en superficie queimada, no seu comportamento, e no seu grao de afección, cunha primeira referencia ao publicado en setembro de 2000, no que Valdeorras se vía afectada por gran incendio forestal que calcinaba de xeito especial concellos como o de Rubiá.
“Os incendios non deixaron de sucederse na provincia dende entón, pero quizais, o que marcou un punto de inflexión, revelando xa o que son os lumes de nova xeración, era o que vivía Valdeorras en xullo de 2022 e que nós contamos na edición de agosto dese ano”, proseguía. “Falamos dun lume que durou 1 semana, cunha tipoloxía e unha potencia nunca vistas en Galicia e que arrasou cunhas 10.500 hectáreas. Tivo unha propagación moi moi veloz e nel xa puideron verse fenómenos como os pirocúmulos, tornados de lume e houbo un grave perigo para as persoas, tendo en conta que as chamas sitiaron numerosas localidades dos concellos do Barco, Rubiá e Carballeda de Valdeorras. E arderon aldeas, por exemplo, A Veiga de Cascallá e a súa imaxe entre as chamas levámola á portada da edición de agosto de 2022”.
A tres, anos despois, no verán do 2025, “a historia repetíase, pero cunha magnitude que penso que ninguén imaxinou e a escala de provincia. Falamos de máis de 100.000 hectáreas. Foi unha emerxencia sen precedentes na que a provincia enteira estivo en Situación de Nivel 2 por risco para a poboación ao longo de dúas semanas. “E o reto xornalístico ao que nós enfrontamos foi, por unha banda, realizar unha cobertura en tempo real do que estaba acontecendo a través da nosa edición dixital, www.osil.info. Con informacións e imaxes constantes, sobre o que estaba a suceder, a evolución do lume, tamén información sobre a situación das estradas e mesmo recomendacións de protección e consellos en materia sanitaria xa que houbo moitos días, semanas, nas que o aire era totalmente irrespirable e non se podía saír sen máscara”.
Rodríguez indicaba tamén que iso “implicou estar a pé de terreo, coordinar e contrastar as diferentes informacións que íamos recibindo tanto de fontes oficiais, como da veciñanza das diferentes localidades afectadas, dos concellos, e tamén de expertos. Nós detectábamos a gran necesidade e demanda de información que había, e que a xente buscaba diría que mesmo desesperadamente. E iso, fixémolo contrarreloxio, nunhas condicións moi complexas”.
Ao mesmo, comezaban a preparar a súa edición en papel cun plantexamento moi diferente. “Queríamos non só contar, senón tamén explicar estes megaincendios, que foron moito máis que un mero incendio forestal no que arde o monte, algo que curiosamente moita xente do resto de Galicia segue sen entender a día de hoxe. Por iso achegamos unha visión coral e dende múltiples perspectivas do que foi este fenómeno, novo e moi complexo, para que a sociedade puidera entender realmente o que pasou, cal foi a magnitude desta emerxencia, por que pasou e por que podería volver a repetirse”.
E nese contacto directo e continuo con esta realidade, os xornalistas de O SIL decatábanse de que “a afectación ía moito máis alá do medioambiental, do socioeconómico, a perda era en multitude de casos irrecuperable, porque tamén era unha perda de memoria, emocional e un sentimento profundo de tristura. Precisamente ese sentimento de loito quixémolo plasmar na nosa portada que se foi completamente a negro”.
Con este traballo que vén de ser premiado polo Colexio de Xornalistas de Galicia, o Periódico O SIL buscaba “contar o que sucedeu obxectivamente dende dentro do territorio, pero achegando un punto de vista que vai moito máis alá del e que permitese entender este tipo de emerxencia. Finalmente, tamen queríamos mostrar e agradecer todo o enorme esforzo colectivo que se fixo nesas semanas de dura loita contra os incendios, na que ninguén se rendeu, e tamén a gran unidade e solidariedade que se viviu”.
A xornalista concluía asegurando que “as consecuencias destes lumes seguímolas vivindo máis dun ano despois, con problemas nas captacións de augas, graves arrastres que sepultaban diversas aldeas e inundacións… Pois, a nosa cobertura deses lumes tampouco rematou neste traballo, senón que continuamos facendo un seguimento destas consecuencias, escoitando as persoas afectadas de diferentes aldeas e vilas, e falando de como nos podemos repoñer deles”.
Pola súa banda, Carlos G. Hervella incidía na relevancia da información que se fai “pisando o territorio” e indicando que o xornalimo local de calidade é o que resiste. “Se O SIL existe é polo apoio que temos de numerosas persoas que confían, colaboran e apoian o noso proxecto”, agradecendo esa confianza e colaboración. Ademais incidía en que malia ser un medio de comunicación local, o Periódico O SIL conta con numerosos subscritores fóra de Galicia, tamén no resto de España, en Europa e en América, algúns deles sen vinculación coa provincia pero que buscan este tipo de información de calidade.

Posteriormente, interviñan no acto dous representantes do colectivo “Habitar o baleiro”, que lograban unha mención de honra no VI Premio Somos Esencias po runha serie de reportaxes tituladas “Habitar o baleiro: luces e sombras do rural galego”, publicada en Sermos Galiza, o suplemento de Nós Diario. En concreto, tratábase de Claúdia Morán e Brais Lorenzo. Morán defendeu a necesidade de visibilizar as realidades difíciles que atravesa o rural, como o abandono ou os efectos dos incendios, pero tamén de mostrar as súas posibilidades de futuro e as iniciativas que xorden nestes territorios, todo desde un xornalismo que percorra o rural e escoite aos seus habitantes.
A continuación tiña lugar un coloquio, no que tamén interviña e facía preguntas o público asistente, no que analizaban cuestións como a importancia do xornalismo social e no seu carácter social e imprescindible.

Encontro de Xornalismo Social “Somos Esenciais”
O Encontro de Xornalismo Social “Somos Esenciais” está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración con Gadis, para recoñecer o labor de xornalistas que traballan en temas de interese social en Galicia e dalo a coñecer a sociedade. O acto complementa a convocatoria do premio de xornalismo homónimo, convocado tamén por ambas as dúas entidades, que naceu en 2021 para premiar o mellor traballo sobre a Covid-19 e logo se transformou nun recoñecemento ao xornalismo de temática social.
Fotos e vídeos cedidos.