No cemiterio do Barco, ás 13h. deste 10 de novembro, rendíaselle un eacto de recoñecemento e homenaxe a Abdón Blanco García, alcalde do Barco en 1936 e que a esa mesma hora, hai xa 90 anos, era fusilado no Campo de Aragón en Ourense. Na iniciativa, promovida polo Concello, participaban familiares de Blanco, entre eles a súa filla María Ángeles Blanco Quirós “Geluca”, así como amigos e veciñanza, ademais de representantes da Corporación municipal, entre eles o alcalde, Aurentino Alonso.
Sobre a tumba na que repousan os seus restos, así como os da súa esposa Francisca e da súa filla Pilar, estendíase unha lápida realizada tras a súa morte, a bandeira galega, a republicana e tamén unha imaxe de Abdón Blanco. Deseguido, a súa filla Geluca expresaba, moi emocionada, o seu agradecemento por este recoñecemento, e tamén contenta por el, pese á que arestora pasa por unha etapa moi triste polo falecemento da súa irmá, “do que non acabo de recuperarme”.

Lembraba que o seu pai morría polo posto de alcalde no que estaba e en pro da liberdade e “morreu perdoando”. E, nese senso, botaba man das últimas palabras que escribía nun anaco de papel para despedirse da súa esposa e que lembraba de memoria. “Na súa última carta perdonou a todos e pedíanos a nós que tamén os perdoásemos. E iso puídose cumprir coa axuda dos meus tíos e tías, que apoiaron e axudaron á miña mai e, en especial, da miña tía Ricarda, que como unha segunda mai”. Geluca finalizaba a súa intervención amosando o seu orgullo “por ser filla de Abdón Blanco”.
Deseguido tomaba a palabra o alcalde actual do Barco, Aurentino Alonso, quen lembraba no pleno celebrado o 5 de novembro a Corporación local aprobaba por unanimidade iniciar o expediente para nomear a Abdón Blanco “alcalde honorario”. “Tiñamos unha débeda pendente coa nosa propia historia, 90 anos despois, empezamos por fin a pechar o círculo arredor da memoria de Abdón Blanco, devolvéndolle, dende a institución pola que deu a súa vida, o lugar que sempre lle correspondeu. Abdón Blanco foi último alcalde da segunda República, antes de que caese sobre nós esa longa noite de pedra tan ben contada polo gran Celso Emilio Ferreiro”, dicía o rexedor.
Ademais, Alonso aseguraba que “hoxe miro esta lápida coa responsabilidade de ocupar o mesmo cargo que Abdón Blanco honrou e lembro un home íntegro, un home cuxo único delito para ser asasinado foi o de manterse fiel ao goberno legalmente constituído e servir ao Barco con orgullo, con lealdade e con valentía. Podendo marchar, elixiu permanecer no seu posto, quedou aquí á fronte do seu pobo, porque sabía que a decencia non é un crime, pagou coa súa vida o compromiso democrático que adquirira da súa veciñanza. Ao estar hoxe fronte á súa tumba o noso corazón está tamén con toda a súa familia, que soubo gardar viva a chama da dignidade durante tantos anos de sufrimento e de silencio impostos. Aquí descansan a súa dona Francisca e a súa filla Pilar, piares fundamentais da súa vida e testemuñas dunha ausencia inxusta”.

E, dirixíndose á súa filla, o alcalde barquense dicía. “Geluca ti levas toda unha vida cargando co peso desa ausencia, pero tamén o orgullo inmenso de saber quen foi o teu pai, hoxe O Barco está ao teu carón para dicirche que a súa memoria nunca estivo soa e nesa mesma aperta de memoria queremos ter unha lembranza moi especial para Manuel Blanco Pascual, para a familia Rodríguez López de Soulecín, Amalia e Domingo, e para tantos homes e mulleres do Barco, de Valdeorras ou de calquera outro curruncho do país que foron vítimas da barbarie”.
Durante o acto, o filólogo e concelleiro barquense do BNG, Manuel Agra, daba lectura a un poema de Millán Picouto, quen fora profesor do IES Lauro Olmo, titulado “Lembranza. En O Barco de Valdeorras, na rúa de Abdón Blanco, o 10_XI-1996, ás 12 horas”. Un poema entre cuxos versos figuran os seguintes: “Clavel, Abdón. Lembranza é flor; memoria/ é planta pola dor enriquecida:/ a vosa morte é a nosa historia”.