
O Concello de Ourense ofrecerá bica, ademais de castañas e chourizos, ao público que asista ao Magosto tradicional que organizará mañá, mércores, 11 de novembro, ás 18 horas na Praza Maior e na Alameda. A cita gastronómica incorpora así un novo produto, que substituirá os callos e o porco ao espeto, inicialmente previstos, que non estarán finalmente á venda por mor da folga do sector cárnico que se desenvolve ao longo desta semana a nivel estatal.
Ante a previsión de chuvia, o Concello aumentará o número de carpas que permitirán desfrutar da festa gastronómica e dos espectáculos musicais. Estarán na Praza Maior e Santa Eufemia, Progreso (á altura da Alameda), Bispo Cesáreo e Avenida de Pontevedra, ademais das habituais do bar e do punto de reparto de castañas.
A programación da festa, declarada de interese turístico, está organizada polo Concello coa colaboración da Xunta de Galicia e ABANCA.
PROGRAMA
• 18h. Praza Maior e rúa do Progreso (Alameda). Magosto tradicional: chourizo asado con bolo de masa nai, auga ou viño. Prezo: 3 euros. Tamén se ofrecerán castañas e bica.
• 18h. Praza Maior. Festival Folk San Martiño. Actuación dos grupos Ialma e Brañas Folk, coa colaboración de Pancho Álvarez, Susana Blanco e o cuarteto de zanfonas Zarandela, dirixido por Germán Díaz.
• 19-22h. Rúa do Progreso (Alameda). Baile coa orquestra Los Satélites.