A RúaConcellosÚltima hora

Incidencias no servizo de abastecemento e restricións ao consumo da auga na Rúa

 

As choivas despois das talas de madeira nos montes da serra están a provocar graves problemas de arrastres nalgunhas zonas do Concello e, nomeadamente, nas captacións de auga que dan servizo á poboación. “Estes arrastres están a provocar unha turbidez importante en todas as zonas de abastecemento”, indican dende o Concello que “de xeito preventivo e até que as analíticas nos confirmen a boa calidade da auga,  establece restricións ao consumo tanto na ZA de Santo Estevo como en Somoza e na ZA Santoalla (que afecta aos depósitos de Fontei e A Artística)”.

Dende o Concello adiantan que está previsto que as choivas se manteñan durante toda a semana polo que “con certeza as incidencias iranse reproducindo ao longo destes días”, lamentan, pedindo á cidadanía “comprensión e colaboración ante a gravidade da situación ao tempo que moita precaución no uso de termos, lavadoras e lavalouzas cando os niveis de turbidez sexan maiores”.

“O Concello informará de xeito continuo a través de bandos, RRSS e tamén da Axenda Municipal ao tempo que, de agravarse a situación, habilitará medidas extraordinarias de subministro de auga potable”, di a alcaldesa, lembrando que na explanada do LIDL no Barco de Valdeorras oConsorcio de Augas mantén  habilitada unha fonte de auga de acceso libre con todas as garantías sanitarias.

Back to top button