
O PSdeG-PSOE de Ourense vén de emitir un comunicado de prensa para “trasladar toda a súa solidariedade e apoio á veciñanza de Vilamartín de Valdeorras ante a complicada situación que está vivindo este municipio como consecuencia das fortes choivas rexistradas durante a xornada de hoxe”.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense quérese “recoñecer e poñer en valor o traballo que está desenvolvendo o concello de Vilamartín de Valdeorras, xunto cos servizos de emerxencia, para atender as incidencias e garantir a seguridade da poboación. Neste sentido, estase traballando na habilitación dunha vía forestal que permita o acceso de vehículos todoterreo e de emerxencia a San Vicente de Leira, evitando que a veciñanza quede incomunicada mentres non se poida ofrecer unha solución definitiva aos problemas rexistrados na estrada”.
Os socialistas trasladan tamén “o seu apoio e agradecemento a todas as persoas que están traballando sobre o terreo nestas circunstancias, así como á veciñanza afectada, que está soportando as consecuencias dun episodio meteorolóxico especialmente adverso”.
O PSdeG-PSOE de Ourense considera prioritario que “se mobilicen todos os medios necesarios para garantir a seguridade das persoas, manter as comunicacións e atender as necesidades da poboación afectada. Así mesmo, reclama que se traballe con carácter urxente para recuperar as condicións de acceso e comunicación das localidades afectadas”.
Este partido político conclúe asegurando que “nestes momentos difíciles, a prioridade absoluta debe ser estar ao lado das persoas, garantir que ninguén quede desatendido e ofrecer respostas rápidas e eficaces”.