PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE pídelle á Xunta “un plan urxente de recuperación para Valdeorras tras os novos danos” polos arrastres das riadas

Álvaro Vila denuncia a falta de planificación quince meses despois dos incendios do derradeiro verán e reclama financiamento autonómico para garantir o abastecemento de auga e reparar os danos ocasionados polas novas riadas

Cedida.

 

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila, manifestaba esta tarde, a través dunha nota de prensa, que este partido reclama á Xunta de Galicia que “poña en marcha, no prazo máximo dun mes, un plan integral de recuperación dos territorios afectados polos incendios forestais de agosto de 2025, con especial atención á comarca de Valdeorras e ao concello de Vilamartín de Valdeorras, que volveu sufrir importantes danos polas riadas rexistradas o pasado 15 de novembro”.

Vila asegura que, “quince meses despois daqueles incendios, os territorios afectados continúan sen contar cunha planificación global que permita afrontar a súa recuperación e anticiparse aos riscos derivados da perda de cuberta vexetal. O que está acontecendo en Valdeorras demostra que non abonda con apagar os incendios e reparar os danos cando chega unha nova riada. Hai que actuar sobre o territorio, recuperar os montes e evitar que cada episodio de choiva volva converterse nun problema para os veciños e veciñas”.

O dirixente socialista lembra que as últimas precipitacións provocaron importantes arrastres de auga, pedras, terra e restos vexetais, causando o derrubamento da ponte de Baxeles e dun tramo da estrada provincial OU-0807, unha das principais vías de comunicación con San Vicente de Leira. A estes danos súmanse as dificultades no acceso alternativo por O Mazo e as incidencias rexistradas noutras infraestruturas municipais, entre elas a ponte de Arnado.

Álvaro Vila considera que estes feitos evidencian “as consecuencias de non ter desenvolvido a tempo actuacións suficientes de restauración hidrolóxico-forestal nos terreos queimados. A Xunta tiña que ter avaliado os riscos, identificado as zonas máis vulnerables e actuado para estabilizar os solos e reducir os arrastres. Non se pode esperar a que se produzan novos danos para reaccionar”, subliña.

Preocupación polo abastecemento de auga en toda a comarca

Outro dos aspectos que máis preocupa ao secretario provincial é a situación do abastecemento de auga potable en Valdeorras. “Nos concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Petín e O Barco veñen rexistrándose problemas de turbidez, arrastres de cinzas e sedimentos, incidencias nas captacións e instalacións de tratamento e mesmo interrupcións da subministración e restricións preventivas ao consumo”, segundo Vila.

A situación é especialmente delicada en Vilamartín de Valdeorras, di este responsable socialista, “onde os problemas afectan, segundo trasladou a alcaldesa, a todos os núcleos de poboación. As captacións, situadas en zonas de alta montaña, están expostas aos arrastres de terra, cinzas e sedimentos procedentes dos terreos afectados polos incendios”.

Vila advirte de que os concellos non poden seguir asumindo en solitario un problema que supera a súa capacidade económica e técnica. “Estamos falando dun servizo esencial. A veciñanza ten dereito a contar cun abastecemento de auga en condicións e a Xunta ten que implicarse, achegar financiamento e poñer á disposición dos concellos os medios técnicos necesarios”, afirma.

Neste sentido, reclama un programa específico de apoio autonómico para protexer e recuperar as captacións, mellorar as instalacións de abastecemento e executar as actuacións forestais necesarias para reducir os arrastres que comprometen a calidade da auga.

Os danos municipais ascenden a arredor de dous millóns de euros

O secretario provincial lembra que o Concello de Vilamartín de Valdeorras valorou en arredor de dous millónss de euros os danos ocasionados polos incendios nas infraestruturas municipais, incluíndo captacións de auga, redes de abastecemento, estradas, vías públicas e outras instalacións de primeira necesidade.

“Para atender parte destas necesidades, a Xunta comprometeu unha achega de 287.845,92 euros mediante un convenio específico, distribuído en dúas anualidades. Posteriormente, engadíronse outros 132.293,08 euros destinados á reparación de seis infraestruturas municipais danadas polas riadas de xuño de 2026”, di Vila, que porén, considera que “estas cantidades son insuficientes para afrontar a recuperación do conxunto das infraestruturas municipais, especialmente despois dos novos danos ocasionados polas riadas de novembro”.

E matiza que “non podemos pretender que un concello como Vilamartín afronte con recursos propios unha situación desta magnitude. Primeiro foron os incendios, despois os problemas derivados dos arrastres e agora novas riadas que volven danar infraestruturas que nin sequera estaban completamente recuperadas. A Xunta ten que asumir a súa responsabilidade e dar unha resposta á altura das necesidades”.

Un mes para aprobar un plan con recursos e prazos concretos

Álvaro Vila explica que o PSdeG-PSOE de Ourense leva reclamando “desde os primeiros momentos posteriores aos incendios a elaboración dun plan integral que permita avaliar os danos, establecer prioridades e garantir os recursos necesarios para recuperar os territorios afectados”.

Vila insiste en que a recuperación de Valdeorras non pode seguir dependendo de respostas puntuais cada vez que se produce unha nova emerxencia. “O que necesita esta comarca é un compromiso real da Xunta, con planificación, investimentos e actuacións sobre o terreo. Os veciños e veciñas de Valdeorras non poden seguir esperando nin vivir coa incerteza de que cada nova choiva poida provocar outra vez os mesmos problemas”, conclúe.

Back to top button