PolíticaÚltima horaVídeos

María G. Albert, alcaldesa da Rúa e candidata do BNG ao Congreso, esixe a dimisión da conselleira do Medio Rural polo “abandono de Valdeorras”

 

A alcaldesa da Rúa e candidata do BNG ao Congreso, María G. Albert, e o deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, convocaban este mediodía na Rúa unha rolda de prensa para falar do “abandono e a incompetencia do goberno da Xunta do Partido Popular para coa comarca de Valdeorras”. Albert, ademais, pedía a dimisión da conselleira de Medio Rural despois “de meses de numerosas advertencias por parte da veciñanza e os concellos de Valdeorras sinalando que había que actuar canto antes”.

Dicía G. Albert que “esta é a quinta riada que padecemos nos últimos sete meses e é o resultado do abandono e a incompetencia da Xunta de Galiza e do Partido Popular. Abandono e incompetencia na prevención e extinción dos lumes de 2025 e o abandono e incompetencia na xestión posterior onde o único que se está a primar é o beneficio empresarial”.

 

 

A rexedora nacionalista asegura que “estamos empezando a época de outono e inverno nun territorio que cada vez está máis erosionado” e “vemos xa as consecuencias do abandono e a incompetencia na comarca de Valdeorras”, referíndose “á falta de subministración de auga potábel ou a incomunicación producida en San Vicente de Leira polo derrubamento dunha ponte”.

 

 

Por iso, proseguía, “reclamamos que a Xunta de Galiza deixe de abandonar Valdeorras e faga o seu traballo no monte, paralizando as talas de árbores e restaurando o terreo”.

No relativo á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Albert tamén demanda “que faga o seu traballo porque ten competencias sobre os regatos e controle as talas que están contaminando os acuíferos e que están levando terras que rematan nas captacións”.

 

 

O deputado provincial do BNG, pola súa parte, mencionaba “as consecuencias da nefasta xestión do Partido Popular dos nosos montes e dos incendios forestais que ocorreron en Valdeorras en 2025 co derrubamento da ponte na estrada OU-0807 e que deixou illada a poboación de San Vicente de Leira”.

En Valdeorras, explicou Xosé Manuel Puga, “tal e como aconteceu noutras localidades prodúcese agora unha devastación polo arrastre das cinzas e os troncos que están no momento debido aos lumes e con posterioridade a inacción do goberno do PP á fronte da Xunta”.

 

 

Puga afirmou que “a Xunta só executou 12 dos 76 millóns de euros que tivo neste períodos para a prevención de incendios. O que é moito máis sangrante é que só executou o 3,86% de recuperación de ecosistemas queimados: só 309 mil euros dun total de 8 millóns de euros que tiña programado Galiza para a restauración forestal”. A estas cifras,  o deputado provincial engade “os case 9 millóns de euros que a Confederación Hidrográfica puxo en mans da Xunta para complementar a restauración hidrolóxica-forestal”.

Por último, adiantaba o rexistro dunha iniciativa na Deputación Provincial de Ourense “co obxectivo de que os custos dos arranxos da estrada provincial OU-0807 e de todos os estragos producidos sexan asumidos pola irresponsábel Xunta de Galiza”.

Fotos: O SIL, agás a última da galería que é cedida.

Vídeos: O SIL.

 

 

Back to top button