CulturaCulturaÚltima hora

Torbeo celebra este sábado “Entre Bruxas”, unha nova festa que dará continuidade ao éxito de «Tempo de Bruxas»

A Asociación de Veciños de Torbeo (A.VE.TO.) e o Concello de Ribas de Sil organizan unha xornada de teatro, presentación cultural e magosto popular, na que tamén se anunciará a próxima edición de "Tempo de Bruxas 2027"

 

A parroquia de Torbeo, no concello de Ribas de Sil, celebrará o próximo sábado 21 de novembro a primeira edición de «Entre Bruxas», unha festa organizada pola Asociación de Veciños de Torbeo (A.VE.TO.) e o Concello de Ribas de Sil, que nace coa intención de manter viva a actividade cultural arredor da figura da histórica meiga de Torbeo.

En 2025, A.VE.TO. e o Concello de Ribas de Sil, organizaron «Tempo de Bruxas», un encontro dedicado á memoria de Filomena Arias, antiga veciña da parroquia coñecida como a Meiga de Torbeo ou a Bruxa de Torbeo. A iniciativa permitiu abordar cuestións relacionadas coa medicina natural, as crenzas populares, a maxia, a espiritualidade e as tradicións transmitidas ao longo das xeracións.

O éxito daquela primeira edición animou aos organizadores a darlle continuidade ao proxecto. Non obstante, a Asociación de Veciños de Torbeo decidiu establecer unha periodicidade bienal para «Tempo de Bruxas», de maneira que o encontro se celebrará nos anos impares, coa próxima edición prevista para 2027.

Para os anos pares nace agora «Entre Bruxas», unha celebración de carácter máis local e comunitario, especialmente pensada para a veciñanza de Torbeo e do conxunto de Ribas de Sil e do Xeoparque Montañas do Courel, aínda que aberta a todas as persoas que desexen achegarse á parroquia.

Teatro, presentación e magosto popular

A programación do sábado 21 de novembro desenvolverase a partir das 18:00 horas e contará con tres actividades:

  • 18:00 horas. Representación teatral de «A historia dun fidalgo para sempre lembrar», a cargo do Grupo de Teatro A Mariña, na Escola de Torbeo, dentro dos circuitos de teatro da Deputación de Lugo e Outonos de Teatro en Ribas de Sil.
  • 19:15 horas. Presentación pública de «Tempo de Bruxas 2027», a cargo da Asociación de Veciños de Torbeo (A.VE.TO.).
  • 19:30 horas. Magosto popular, aberto ás persoas asistentes, como espazo de encontro e convivencia arredor dunha das tradicións máis características do outono galego.

A xornada combinará así o teatro, a recuperación das tradicións populares e a convivencia veciñal, ao tempo que servirá para dar a coñecer os primeiros detalles da próxima edición de «Tempo de Bruxas».

Cultura e dinamización das pequenas parroquias

Desde o Concello de Ribas de Sil destácase a importancia da colaboración co tecido asociativo para manter vivas as actividades culturais nas pequenas parroquias rurais. A iniciativa de A.VE.TO. constitúe un exemplo de como a participación veciñal permite recuperar historias e tradicións locais, crear novos espazos de encontro e desenvolver propostas culturais que contribúen á dinamización do territorio.

«Entre Bruxas» pretende consolidarse como unha cita nos anos pares, complementaria ao «Tempo de Bruxas» dos anos impares, mantendo a vinculación coa memoria de Filomena Arias e coa identidade cultural de Torbeo.

O Concello de Ribas de Sil e a Asociación de Veciños de Torbeo convidan a toda a veciñanza e ás persoas interesadas a participar nesta primeira edición e a compartir unha tarde de cultura, tradición e convivencia.

Back to top button