O actor, humorista e clown Fran Campos, chega a terras valdeorresas e quiroguesas o 29 de decembro con dúas propostas artísticas ben diferentes. Pola tarde, a partires das 19h. e antes da chegada do Apalpador á Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán do Barco, poñerá en escea o espectáculo “Filipa cos contos” da Cia Bandullo Azul. Unha sesión de contos para toda a familia. Historias tradicionais, música e o humor repártense entre os dous contadores que se suben ao escenario: Fran e a súa amiga Filipa que lle dará coa súa experiencia un valor engadido ás historias de carácter tradicional. O repertorio de historias inclúe algún dos contos infantís de Carlos Casares como “A galiña azul” ou as historias do neno inventor “Toribio”. Haberá tamén historias cantadas, contos e xogos de palabras feitas cancións.

Xa pola noite, en torno ás 23.30h. Campos meterase na pel do Padre Merino para actuar na Cervecería Ruxe Ruxe de Quiroga. Tal como explican dende Hermanager Producións, Don Merino leva por todo o mundo un programa misioneiro moi particular titulado A.M.E.N. (Accións Misioneiras Evanxélicas Nocturnas) no que falará, “en boa parte dende a experiencia, dos pecados capitais como a luxuria, a pereza ou a gula. Utilizará a Palabra, as Sagradas Escrituras, xogos didácticos, maxia educativa, música, cancións en directo coa súa nova guitarra… En definitiva, unha acción evanxélica que ben a ser un curso, taller, charla e coloquio sobre o pecado”.



