O PP de Ourense segue desvelando ao seus candidatos de cara ás eleccións municipais do 2015. A vila trivesa acollía na mañá do 26 de outubro a cuarta presentación, desta volta, a dos cabezas de lista dos municipio da zona electoral de Trives: un total de once.
Entre eles destacan os de Trives e Manzaneda, dúas persoas que se estrean no mundo da política. Así a lista trivesa do PP será liderada por Jesús Prieto Pérez (39 anos), enxeñeiro técnico agrícola e enxeñeiro agrónomo; e a de Manzaneda encabezaraa o arquitecto técnico Salvador Fernández Cardoso (49 anos).
O resto dos candidatos repetirán, como é o caso de Manuel Corzo Macías (73 anos) no Bolo; Joaquín Bautista Prieto Rodríguez (46 anos) en Larouco, Gerardo Rodríguez Domínguez (56 anos) en San Xoán de Río, Andrés Montesinos Rodríguez (53 anos) en Viana do Bolo, Ventura Sierra Vázquez (72 anos) en Vilariño de Conso, Antonio Rodríguez Álvarez (61 anos) en Montederramo, Miguel Antonio Cid Álvarez (63 anos) na Teixeira, Manuel Lage Blanco (60 anos) en Castro Caldelas e Francisco Rodríguez Rodríguez (67 anos) en Chandrexa de Queixa.
Nesta presentación, que tiña lugar no Hostal La Viuda en Trives, interviñan o secretario xeral do PPOU, Rosendo Fernández, e o membro do Comité Executivo do PPdeG, Jesús Vázquez Abad. A clausura corría a cargo do presidente provincial, Manuel Baltar, quen lembraba que “a 210 días das municipais do 24 de maio de 2015, somos a única forza política que ten actividade constante e con equipos perfectamente preparados para asumir as riendas dos 92 municipios da provincia.”
Neste acto tamén se facía unha sentida lembranza a Isauro Pérez González, portavoz do grupo municipal e presidente local do PP en Trives, falecido o pasado 1 de setembro.