Unha ano máis, o Restaurante Mirador de San Pedro acollía no mediodía de hoxe, sábado 3 de febreiro, a V edición da Festa do Botelo do Barco na Coruña. Un xantar, coordinado polo barquense José Ángel Rodríguez, ao que asistían unhas 350 persoas para degustar o embutido rei do inverno valdeorrés que o Concello do Barco de Valdeorras está promocionando dentro e fóra da comarca.
A festa comezaba ás 13h. coa recepción dos comensais e a continuación tiña lugar o xantar coas tradicionais sopa do cocido e empanada de maravallas como entrantes. O prato principal tivo ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e repolo. Todo regado con viños da DO Valdeorras. De postre, bica e a torta de roxóns, ademais do grupo musical, Os Peteras, para amenizar a tarde.
Coma sempre, no evento gastronómico houbo unha ampla representación da vida social, económicae política da cdade “que non deixaron de felicitarse por ter podido compartir esta festa e este manxar”, asegura José Ángel. Entre os asistentes estiveron o alcalde do Barco, Alfredo García; a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; e o ex alcalde da Coruña, Paco Vázquez.
O Botelo, foi unha vez máis “o gran embaixador e fío condutor deste natural ‘irmanamento’ que tende a consolidarse –se non o está xa– como un gran evento gastronómico na ‘cidade da Torre’ no que repiten ano a ano multitude de personas, con interese contrastado por descubrir persoalmente o “Paraíso de Valdeorras” como fan cada vez máis coruñeses”, conclúe o embaixador do botelo na Coruña.
Despois da multitudinaria XVIII edición celebrada o día 20 de xaneiro na vila do Barco, esta festa de interese turístico de Galicia dende o ano 2014, continúa a súa promoción fóa de Valdeorras e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando a IV edición da de Vigo, prevista para o día 3 de marzo.
Fotos: José Ángel Rodríguez.