Por cuarto ano consecutivo, a peña moteira A Manada, en colaboración co Concello da Rúa, organiza a Xuntanza Moteira Primaveral Valdeorras para a última fin de semana de abril. Unha concentración de afeccionados ás motos que incluirá rutas turísticas diurnas e tamén unha nocturna, festas, sorteo de agasallos e moitas sospresas.
O programa arrancará o venres 27 de abril ás sete da tarde coa apertura de inscricións. Ás nove haberá unha pinchada popular e a partires das once, festa moteira. O sábado 28 abriranse as inscricións ás nove da mañá e a ruta mototurística pola comarca comezará ás catro e media da tarde. Ás nove e media será a cea para os inscritos e a partires da medianoite haberá unha ruta nocturna para honrar aos moteiros falecidos. A festa continuará o domingo 29 de abril cunha nova ruta pola mañá e fin do evento tralo xantar.
A xuntanza regresa á súa orixe e o punto de encontro será a rúa Colombia onde haberá zona de acampada cuberta (con ducha e baños). A inscrición anticipada custa 20 euros (data límite 23 de abril) e na taquilla, 25 euros.