Dende o Paseo do Malecón partirá novamente a 17ª Andaina de Outono do Barco. A saída desta proba, promovida polo Club Peña Trevinca Barco coa colaboración do Concello, está prevista para o 12 de novembro. Esta actividade propón dous percorridos: un oficial de 25 km (de dificultade moderada alta) e outro popular de 15 km (de dificultade baixa). “Os circuítos estarán convintemente sinalizados” e “ao longo do percorrido haberá avituallamentos sólidos e líquidos”, tal e como adianta a organización.
A saída realizarase de maneira conxunta nas dúas andainas ás 9h. e a concentración dos participantes terá lugar media hora antes no mesmo Paseo do Malecón.
As persoas interesadas en participar poderán anotarse ata o 4 de novembro a través da páxina web www.clubtrevincabarco.org. O límite de inscritos está fixado en 600. O custo da inscrición será de 8 euros para os socios do Club Peña Trevinca Barco e para os non asociados de 10 euros. E no caso de que as persoas non estean federadas en montaña, deberán engadir 3 euros máis a ese custo.
Esta andaina é una proba oficial da Federación Galega de Montañismo e está integrada dentro da Copa Xunta de Galicia de sendeirismo e da Liga Ibérica de sendeirismo da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada.