OurenseÚltima hora

A 2ª edición do Salón de Vehículo Clásico de Ourense pecha con máis de 7.000 visitas en dous días

O Standard Ten de 1934 de José Manuel Filloy (premio xurado profesional) e o Datsun Fairlady de Aitor Rodríguez (premio do público) gañan o 1º Concurso Elegancia

 

Na tarde deste domingo 7 de abril pecha as portas a segunda edición do Salón do Vehículo Clásico en Expourense superando todas as expectativas tanto da organización como dos visitantes. Segundo os datos da organización, durante esta fin de semana achegáronse ao recinto feiral máis de 7.000 visitas que se “sorprenderon pola cantidade, calidade e singularidade dos coches expostos e dos produtos e servizos que ofrecían a trintena de expositores participantes”. Esta segunda edición dobra e supera os datos de participación da primeira e consegue que se pense xa nunha terceira para 2025.

Con esta nova cita consolidada, Ourense xa ten a súa propia feira de clásicos e o seu punto de encontro na provincia para a gran cantidade de afeccionados ao automobilismo. De feito, gran cantidade dos expositores que ofrecían recambios e accesorios e que participan en eventos por toda España, destacaron o alto nivel de especialización e coñecemento do sector do público visitante. Os propietarios de clásicos envorcáronse ademais con esta cita acudindo a ela a bordo do seu clásico e durante os dous días o salón recibiu máis de 600 vehículos.

Durante esta segunda xornada foron entregados tamén os premios do 1º Concurso de Elenacia do salón. O gañador na categoría de xurado profesional foi o Standard Ten de 1934 de José Manuel Filloy e na categoría de público e votos por redes, o premio foi para o Datsun Fairlady 240Z de 1971 de Aitor Rodríguez con máis de 850 likes.

 

Ganador do xurado do Concurso Elegancia.

 

A activa participación dos seguidores da conta de Instagram desta cita @salonvehiculoclasico levou a organizar o concurso “O meu clásico de portada” que regalaba aos gañadores o cartel promocional da feira coa imaxe do seu clásico. Os gañadores foron Aitor Rodríguez co seu Datsun Fairlady 240Z de 1971; Iván e Lucía Dabouza co seu Seat 600 E de 1972 e Aurelio Gálvez co seu Mercedes 240D Pradairo de 1976.

Tamén nesta última xornada entregáronse os premios do Rallye de Clásicos de Slot Cidade de Ourense no que participaron máis de 100 xogadores e do 1º Campionato de Simracing de Clásicos organizado pola empresa ourensá Xog-on que marcou os tempos de 270 xogadores. Foi unha emocionante final narrada polo youtuber Mario Adoitar e na que os finalistas correron cun Alpinche virtual. O gañador foi o ourensán Martín Vázquez. En ambas as probas colaborou a Concellería de Xuventude do Concello de Ourense.

Organizado por Expourense, esta segunda edición do Salón do Vehículo Clásico conta co apoio principal da Deputación Provincial de Ourense, a que se sumaron outras entidades que levan meses colaborando estreitamente coa organización para ofrecer un salón que obtivo tan bos resultados. Estas entidades son: Escuadra Clásicos de Ourense, a Fundación Estanislao Reverter; a Concellería de Xuventude do Concello de Ourense; Xog-on; Proxecta Galicia – Correduría de Seguros; Marvic Sport; Casla Sport; Club Nipón Ourense; Club Agudos de Ourense; Documentos do Motor Youtube; Motomanía Vigo e Autocares Rías Baixas.

A próxima cita feiral de Expourense está relacionada tamén co sector do automóbil xa que a próxima semana, do 12 ao 14 de abril, o recinto acolle o VI Car Outlet Ourense que organiza de forma conxunta coa Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO.

Artigos relacionados

Back to top button