A falta de dous días para que remate o prazo de inscrición son xa 106 as persoas, todas elas vencelladas ao equipo de fútbol da Pobra de Trives (xogadores, adestradores e directivos que pasaron por el e tamén actuais), anotadas para a 2ª Xuntanza do Club Deportivo Trives, na que volverán reunirse, compartir xogo, recordos e xantar.
A cita será o vindeiro sábado 20 de maio no campo do Agro e comezará en torno ás doce do mediodía. Media hora despois disputaranse os partidos en función dos asistentes e ás 13:30 horas terá lugar a homenaxe a “Pepiño”. Para as 15 horas está previsto o xantar (só para os inscritos aínda que os partidos estarán abertos ao público), amenizado por disco móvil Bady.
O broche á xornada poráo a actuación do grupo The End Band, con entrada libre para todo o público.