SanidadeÚltima hora

A 4º dose contra o Covid para maiores de 80 anos administrarase nos puntos de vacinación masiva, pero tamén nos centros de saúde

No caso de non acudir aos grandes recintos de vacinación, esas persoas serán chamadas para poder recibir a vacina no seu centro de saúde nunha segunda fase

 

A vacinación da cuarta dose contra o Covid-19 comezará en Galicia o vindeiro luns nas residencias sanitarias e despois seguirase cos maiores de oitenta anos. Inicialmente serán chamados para recibir esa vacina nos grandes recintos de vacinación. “Os puntos de vacinación masiva tiveron un papel fundamental, de feito, nós nas tres campañas anteriores tivemos non poucas peticións de que tamén os maiores de 80 anos se puideran vacinar neses puntos masivos. Froito disto e da experiencia nestas tres campañas decidimos incorporar os puntos de vacinación masiva para a poboación de máis de 80 anos”, explicaba o conselleiro de Sanidade, Julio García, na visita que realizaba esta mañá ao Hospital Público de Valdeorras.

Sen embargo, o conselleiro matizaba que no caso de “calquera persoa que por aspectos de mobilidade, de oportunidade ou por calquera motivo non se poida vacinar nos puntos de vacinación masiva, faremos unha segunda fase, unha especie de repesca e as persoas que non se vacinaron eses puntos de vacinación masiva serán chamados para facelo nos centros de saúde”.

García Comesaña incidía en que “a vacinación nos puntos masivos é máis áxil, máis rápida e nalgúns casos incluso máis cómoda para os cidadáns. E iso tamén a efectos de eficiencia e incluso de loxística das vacinas, todos sabemos que requiren unhas determinadas condicións de transporte, pois os puntos masivos demostraron esa eficiencia e ese é o motivo fundamental de seguir apostando por eles”.

 

Artigos relacionados

Back to top button