OurenseÚltima hora

A actriz Mariana Carballal formará parte do equipo docente das I Xornadas Formativas do Teatro Amador Galego

Celebraranse do 14 ao 17 de abril cubríndose as 50 prazas dispoñibles con inscricións de toda Galicia, Asturias, Cantabria e ata Estremadura

Manuela Casal, César Fernández e David Vázquez na presentación das xornadas.

 

Do 14 ao 17 de abril Ourense convertirase en pioneira na preparación de intérpretes afeccionados coas I Xornadas Formativas do Teatro Amador Galego, organizadas pola Federación Teatral Afeccionada de Galicia (Feteagal) e co patrocinio da Deputación. Unha iniciativa con medio cento de inscritos e na que se mestura a aprendizaxe con actores, actrices e directores profesionais máis o coñecemento da provincia con visitas a destacados enclaves patrimoniais.

A combinación da formación co coñecemento da provincia foi un dos aspectos destacados polo vicepresidenste segundo da Deputación César Fernández na presentación, felicitando aos organizadores das xornadas “por unha iniciativa que, ademais, xurde impulsada por ourensáns, polo que a Deputación tiña que estar tamén presente como patrocinadora”. César Fernández agradeceu e celebración de actividades deste tipo en tanto “permiten pulsar o movemento cultural nunha provincia onde o teatro é referencia”, citando neste contexto a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ou o Festival de Teatro Galego do Carballiño (Fetega).

O presidente da Feteagal David Vázquez agradeceu pola súa banda a colaboración da Deputación para levar a cabo unha actividade que, segundo explicou, “nace con vocación de continuidade e logo da fundación, o pasado ano, de Feteagal”. Subliñou tamén a “excelente acollida” que tivo esta proposta, pois se cubriron as cincuenta prazas dispoñibles con inscricións de toda Galicia, Asturias, Cantabria e ata Estremadura.

 

A actriz Mariana Carballal formará parte do equipo docente.

 

“Os próximos catro días van ser unha gran oportunidade para convivir, intercambiar experiencias, opinións, necesidades e para saber que non estamos sós”, destacou a subdirectora das xornadas Manuela Casal explicando ao mesmo tempo as razóns que lles levaron a constituír a federación. Ademais, puxo en valor aos “amadores que levan o teatro a todos os recunchos da provincia, grazas tamén á rede de auditorios da Deputación”.

Actores, actrices e directores no equipo docente

As I Xornadas Formativas do Teatro Amador Galego comezarán o día 14 no Centro Cultural Marcos Valcárcel, para continuar despois en San Cristovo de Cea e Vilamarín, rematando o domingo 17 no Liceo de Ourense. Nesta primeira edición o equipo de formadores estará integrado pola actriz e docente da Real Escola Superior de Arte Dramático de Madrid, Mariana Carballal; o intérprete e colaborador do programa da TVG Land Rover, Miguel Canalejo; a responsable da Aula de Teatro de Ribadavia, Rosa Puga; e o dramaturgo Afonso Becerra.

O alumnado poderá combinar a formación con visitas ao casco histórico e monumentos da capital, ao mosteiro de Oseira, o museo etnográfico Olimpio Liste, e á Ribeira Sacra, concluíndo a actividade coa asistencia á obra Neve en Outono, que porá en escena no Liceo o grupo THE-Sastre Teatro.

Artigos relacionados

Back to top button