DeportesÚltima hora

A AECC de Valdeorras recibe o talón da II Andaina e Trail Rubiá Solidaria polo Cancro Infantil

Publicidade
A entrega producíase na mañá de hoxe, día 18 de xullo, na sede local da asociación

A AECC de Valdeorras recibía nesta mañá de 18 de xullo o talón da II Andaina e Trail Rubiá Solidaria polo Cancro Infantil, na sede local situada no Barco. Esta actividade estaba organizada polo Grupo de Espeleoloxía e Montañismo Águilas Verdes xunto co Concello de Rubiá. Así, cunha participación de 260 persoas, recadaron un total de 2.871,20 euros.

Nesta entrega estiveron presentes de parte do Concello de Rubiá, a concelleira Laura Iglesias, a traballadora social Mª Isabel Cotarelo e a educadora familiar, Manuela Rodríguez. Así, do Grupo de Espeleoloxía e Montañismo Águilas Verdes, acudiron dous dos seus directivos, Marcos Fernández e Jacobo Fernández. Por último, Gloria Pérez, delegada da AECC de Valdeorras estivo acompañada por dúas voluntarias e a psicóloga da asociación.

 

Durante a entrega. Foto: Alba Prada.

 

Dende a organización, Mª Isabel Cotarelo afirmaba que estaban moi satisfeitos pola gran participación, xa que nun principio esperaban unhas cen persoas. Ademais, explicaba que este feito daba pé a que se seguira facendo a andaina como unha actividade anual.

Por outra banda, Marcos Fernández, do Grupo de Espeleoloxía e Montañismo Águilas Verdes, expresaba que a idea de facer unha andaina e colaborar foi tamén por darlle saída ao clube, por facer algo diferente, xa que o montañismo é un deporte minoritario. Ademais, agradeceron ao Concello de Rubiá a axuda que lles brindaron, xa que ao ser un clube pequeno, non podían afrontar os gastos.

Gloria Pérez, delegada da AECC de Valdeorras agradecía en nome da asociación, tanto ao Concello de Rubiá como a Águilas Verdes por pensar en AECC. “Axudar aos nenos para que a súa loita se faga máis amena nun momento dado é moi importante, e esta actividade é para iso, para a investigación do cancro infantil”, explicaba. Ademais, animabaos a que o ano que vén se volvera repetir. “Valdeorras sempre responde”, concluía Gloria Pérez.

Texto: Alba Prada.

Artigos relacionados

Back to top button