DeportesGalerías de fotosÚltima hora

A afección acompaña ao C.D. Barco no seu desprazamento ao campo do Couto

O conxunto vermello vence 1-2 ao Ourense C.F. no seu primeiro derbi provincial da tempada

Segunda vitoria consecutiva da tempada e a domicilio. Con tres puntos máis regresaba o equipo sénior do C.D. Barco do campo do Couto na tarde do 22 de setembro, logo de derrotar por dous goles a un ao equipo local, o Ourense C.F.

Despois de vencer en casa 4-2 ao Somozas, os rapaces de Manolo Pérez chegaban ao campo ourensán coa moral e o ánimos moi altos, acompañados coma sempre por un bo número de afeccionados que non dubidan en coller o coche para acompañalos en moitos dos desprazamentos por toda Galicia.

Nesta ocasión era para asistir ao primeiro derbi provincial da tempada do conxunto valdeorrés e o resultado non pudo ser máis positivo. Juanito marcaba para os barquenses xa no minuto 6 e sentenciaba o encontro antes de rematar a primeira metade, co segundo gol no minuto 38. Tralo paso polo vestiario, os de Fran Justo intentaron facerse coa portería de Jon e conseguíano nunha ocasión, xa en tempo de desconto, rematando o partido co 1-2 definitivo que dá aos do Barco tres importantes puntos cos que ascender na clasificación de terceira división.

Na vindeira xornada, pechando o mes de setembro, o C.D. Barco xogará en casa, no campo de Calabagueiros, contra o Polvorín de Lugo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button