Na mañá do sábado 22 de outubro celebrábase na cidade de Ourense a VI Xornada de Convivencia de Agrupacións de Protección Civil, unha experiencia marcada polos recoñecementos e o agradecemento, que congregou a máis de 500 voluntarios de diferentes partes de España e tamén de Portugal.
Despois de asistir aos talleres prácticos e á exposición do material de emerxencias, chegaba o momento da entrega de medallas e condecoracións cos que se recoñece a actividade e traxectoria dos voluntarios nas súas respectivas agrupacións, divididas en dous bloques: Medalla para os que levan entre 30 e 25 anos e Medalla para os de entre 20 e 5 anos, sendo a AVPC A Rúa a que máis melladas recollía.
Nin máis nin menos que seis medallas recibían ao mérito polos anos que levan prestando servizo como voluntarios na Rúa. O máis veterano, David López por 30 anos de servizo recibía a condecoración de mans do director xeral de Emerxencia; Miguel Yáñez, Brais López e Verónica Cobo por 10 anos de servizo; e Jesús Rodríguez e Iria Fernández por 5 anos de servizo, recibían as súas de mans da concelleira de Asuntos Sociais da Rúa.
Tamén de Valdeorras, da AVPC Larouco recollía a súa medalla de mans da alcaldesa, Patricia Lamela, o voluntario Dativo Pérez Rodríguez, con 20 anos na agrupación.
A organización destinou un especial recoñecemento polo seu labor ás agrupacións que colaboraron na loita contra os incendios forestais deste verán nas comarcas de Valdeorras e Verín. E tamén se entregaron os obsequios ás agrupacións de fóra de Galicia e aos colaboradores da xornada. Ademais, todas as agrupacións recibiron o seu detalle por asistir.
Finalmente Chicho e Mariluz, ex funcionarios do Servizo de Emerxencias, recibían sendas placas, rematando a xornada cun xantar de confraternidade.
Fotos: Carlos G. Hervella.