A alcaldía nacionalista de Viana do Bolo, que ocupa Secundino Fernández (BNG), vén de convocar o pleno de organización para esta tarde de martes, 23 de xullo, ás 20:00 horas. Esta convocatoria chega sen que, finalmente, puidese haber acordo de goberno entre o BNG e o PSdG-PSOE.
O obxectivo deste pleno será a constitución dos grupos municipais e a designación de voceiros, a creación de comisións informativas e a proposta de creación da xunta de goberno local.
Así, na sesión tamén se fará efectiva a dimisión do concelleiro socialista, Pablo Salgado. Ademais, darase conta dos nomeamentos de tenentes de alcalde, abordaranse as dietas de asistencia a sesións, comisións e órganos colexiados, e formularase a proposta de adicacións parciais.
En canto aos tenentes de alcalde, os concelleiros que serán nomeados para desempeñar os cargos serán, en primeiro lugar, José Antonio Alfonso, responsable de Obras, Urbanismo e Servizos Públicos; en segundo lugar, Graciela Diéguez, responsable de Cultura, Deportes e Turismo; e por último, Natalia Estévez, responsable de Servizos Sociais e Igualdade.
Así, a proposta da alcaldía das adicacións parciais será do 25% para a alcaldía con 10.000 euros brutos anuais; do 50% para o 1º tenente de alcalde con 12.500 euros brutos anuais; e do 25% para a 2ª tenente de alcalde con 6.500 euros brutos anuais.
Texto: Alba Prada