CulturaCulturaÚltima hora

A “Alma de Tigre” de Elefante Elegante chega ao Teatro Lauro Olmo o 9 de decembro

Escena de “Alma de Tigre”./ Imaxe: Elefante Elegante.

 

Unha familia que comparte unha casa destartalada, segredos do pasado e unha envelenada herdanza. Son algúns dos fíos a partir dos cales se trenza a trama de “Alma de Tigre”, a obra que a compañía Elefante Elegante presentará no Teatro Lauro Olmo do Barco o vindeiro 9 de decembro ás 21h.

“Alma de Tigre” constitúe “unha ensoñación revelada a partir da historia real de tres irmáns. A memoria, os afectos, a herdanza e o futuro dan corpo a esta nova creación orixinal de Elefante Elegante”, en palabras da compañía.

A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, vanse revelando tódolos segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral. O absurdo, o ridículo e o poderoso efecto cómico das situacións creadas agochan o fondo tráxico que a realidade humana transporta en si mesma.

O equipo que fai posible este espectáculo é o seguinte: Creación, Escenografía e Dirección de escena Gonçalo Guerreiro, Dirección Artística María Torres e Gonçalo Guerreiro; Elenco: Julia Laport, María Torres, Pablo Sánchez e Mario Rodríguez; Produción Artística e Deseño Gráfico Carolina Díguele, Deseño de Iluminación Nacho Martín; Vestiario Diego Valeiras; Espazo Sonoro Manuel Fonte; Coreografías Sabela Domínguez, Gonçalo Guerreiro e Julia Laport.

 

Artigos relacionados

Back to top button