ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A apicultura, moito máis que mel

A Asociación Valdeorresa de Apicultores organizaba a finais de abril unha xornada teórico-práctica de propóleos, impartida por Félix Adanero Jorge

Aínda que o máis coñecido é o mel, son moitos e moi variados os produtos que poden derivarse da actividade apícola. Entre eles están os propóleos. Para afondar no coñecemento sobre este produto e as súas posibilidades, a Asociación Valdeorresa de Apicultores organizaba a finais de abril unha interesante xornada teórico-práctica á que asistían unha vintena de produtores no Centro Cultural Santa Lucía de Vilamartín.

Esta actividade formativa, impartida por Félix Adanero Jorge (doutor pola Universidade de León. Licenciado en Farmacia e Licenciado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos), incluía unha parte teórica na mañá do 28 de abril e, xa pola tarde, a aplicación práctica para a obtención, procesado e consumo de propóleos, a colocación de mallas/reixiñas e retirada dos propóleos desta, o consumo habitual de propóleos, a obtención de tintura e a aprendizaxe de tres receitas.

Así dábanse as receitas para a elaboración de tintura de propóleos (coa dose de uso e forma de consumo vía oral, ademais de para o seu uso en cosmética), para a elaboración de xabón de glicerina con propóleos (para uso en cosmética), para a elaboración de mel con propóleos e aceite esencial de eucalipto e tomillo, dun ungüento de propóleos e dun stick labial con cera de abella e propóleos. Asemade os asistentes aprendían a preparar cada un dos destes produtos durante a sesión.

Esta iniciativa pretendía achegar “coñecementos dende unha perspectiva científica (aspectos xerais, produción, apiterapia, composición, lexislación, precaucións especiais, elaboración de algúns produtos cosméticos e alimentos con propóleos) sobre este produto apícola, os propóleos, coa intención de producilo, recollelo e/o utilizalo de forma eficaz e consciente”, tal e como informa o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button