SanidadeÚltima hora

A Área Sanitaria ofertará contratos de longa duración a especialistas de radioloxía e traumatoloxía para Valdeorras

Sanidade di que con esta iniciativa busca "adiantar a cobertura destas vacantes que se cubrirán definitivamente na oposición en curso"

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Consellería de Sanidade informa de que nestes días o Diario Oficial de Galicia publicará a resolución da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras mediante a que se ofertan “contratos de longa duración de especialistas en radioloxía para o Hospital Comarcal de Valdeorras, unha iniciativa que tenta adiantar a cobertura destas prazas, que quedaron vacantes tras o concurso de traslados, e se cubrirán definitivamente na oposición en curso”.

A esta convocatoria, engade Sanidade, sumarase seguidamente outra oferta dunha praza de especialista en Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica, tamén en Valdeorras, ademais doutra de especialista en Farmacia Hospitalaria no Hospital Público de Verín.

Esta convocatoria de prazas será, “de feito, a de maior volume dos últimos anos, unha vez que a Mesa sectorial acordou, os pasados días de forma unánime, sumar ás 490 prazas de persoal licenciado sanitario, xa convocadas en decembro do pasado ano, 506 novas prazas mais, derivadas da oferta de emprego público do ano 2020, recentemente aprobada polo Consello da Xunta”, segundo sinala Sanidade.

O Servizo Galego de Saúde oferta un total de 996 prazas de persoal médico, delas 52 de persoal especialista en Radiodiagnóstico e 53 de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía. En concreto, nestas especialidades o exame está previsto para o segundo e o primeiro semestre do vindeiro ano, polo que a cobertura da convocatoria dos contratos de longa duración, acurtará notablemente os prazos de incorporación. Este aumento de prazas e a súa acumulación ao proceso selectivo, xa convocado, permitirá a incorporación dun maior número de profesionais fixos nun menor espazo de tempo.

Así mesmo a consellería indica que a “convocatoria de Valdeorras súmase a recente oferta de contratación de longa duración realizada pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o pasado mes de novembro. Pola que 132 profesionais das listas de contratación eventual optaron a prazas de persoal sanitario, médico e non sanitario das distintas categorías, nos tres hospitais e centros de saúde da provincia, co obxectivo de afondar na estabilidade no emprego do persoal eventual, complementando a oferta pública de emprego mediante concurso aberto, público e continuado, implantada no Sergas”.

As 132 prazas cubertas en novembro foron as vacantes xeradas polo concurso previo de traslados e xubilacións. Por centros corresponderon ao Hospital Universitario de Ourense, 74, Centros de Saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC) de Atención Primaria, 38, Hospital Comarcal de Valdeorras 10, e Hospital de Verín, 10.

Ademais das devanditas, a Xerencia está ultimando os detalles dunha nova oferta de contratacións de longa duración noutras categorías, para reforzar a resposta asistencial do sistema público de saúde a actual pandemia, na que se terá especialmente en conta o esforzo realizado polo persoal eventual durante os meses do estado de alarma e na prestación de servizos nas unidades de atención directa aos pacientes Covid.

Artigos relacionados

Back to top button