EconomíaEconomíaÚltima hora

A área sanitaria ourensá celebra 30 anos de atención odontolóxica especializada a persoas con necesidades especiais

O odontólogo Andrés Villalón e Concepción Álvarez, dous dos impulsores desta iniciativa pioneira, reencontráronse cos profesionais que na actualidade dan continuidade ao programa no Hospital Universitario de Ourense

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras celebra os trinta anos da posta en marcha do Programa de Saúde Bucodental para Persoas con Discapacidade, unha iniciativa pioneira que naceu do compromiso e da vocación de servizo dun grupo de profesionais sanitarios ourensáns e da implicación das familias.

Con motivo deste aniversario, o Hospital Universitario de Ourense acolleu hoxe un encontro entre dous dos impulsores daquela iniciativa, o odontólogo Andrés Villalón e Concepción Álvarez, daquela presidenta da Asociación de Pais de Alumnos do Colexio Público de Educación Especial Miño de Velle, e os profesionais que na actualidade dan continuidade a este labor: Luis Miguel Rodríguez Vázquez, odontólogo dos centros de saúde de Allariz e Xinzo de Limia, e María Jesús Pereira, hixienista dental do centro de saúde da Cuña.

O reencontro entre os protagonistas de distintas etapas deste programa permitiu compartir experiencias, lembrar os seus inicios e poñer en valor tres décadas de compromiso coa saúde bucodental e coa calidade de vida das persoas con necesidades especiais.

 

 

Os primeiros pasos, en 1990

A historia deste programa remóntase a 1990, cando a doutora Concepción de las Cuevas, xa falecida, e daquela responsable da asistencia sanitaria do colexio de educación especial de Velle, detectou a necesidade de dar resposta aos problemas de saúde bucodental que presentaban moitos dos seus alumnos.

Para iso contactou co odontólogo Andrés Villalón e coa auxiliar de clínica Margarita Estévez, ambos os dous profesionais do centro de saúde de Mariñamansa, que asumiron de xeito altruísta o reto de ofrecer unha atención odontolóxica adaptada ás necesidades destes pacientes.

Durante aqueles primeiros anos, os profesionais trasladaban semanalmente o instrumental odontolóxico desde o centro de saúde ata o entón Complexo Hospitalario Cristal-Piñor, onde realizaban os tratamentos nun quirófano cedido polo hospital, coa imprescindible colaboración do Servizo de Anestesioloxía e Reanimación.

A implicación das familias, especialmente da asociación de pais presidida por Concepción Álvarez, resultou fundamental para conseguir os recursos económicos e materiais necesarios para consolidar esta iniciativa.

1996: a consolidación dun programa pioneiro

Foi en febreiro de 1996, hai agora trinta anos, cando se presentou oficialmente o Programa de Saúde Bucodental para Persoas con Discapacidade, coincidindo coa incorporación dun sillón odontolóxico que permitiu estruturar e mellorar a atención asistencial.

Naquel momento, máis dun cento de pacientes de diferentes centros de educación especial da provincia de Ourense xa se beneficiaran desta iniciativa.

En abril de 1997, o programa deu un novo paso coa dotación dun quirófano especificamente equipado para esta actividade, consolidando unha prestación pioneira polas súas características no conxunto da sanidade pública española.

 

 

Trinta anos despois, o compromiso continúa

Na actualidade, Luis Miguel Rodríguez Vázquez e María Jesús Pereira manteñen vivo o espírito daquela iniciativa, prestando atención odontolóxica especializada a pacientes con necesidades especiais que, polas súas circunstancias clínicas, cognitivas ou funcionais, presentan dificultades para recibir tratamento nunha consulta convencional.

Este labor desenvólvese grazas á colaboración entre os profesionais de Atención Primaria e os equipos de Anestesioloxía e Reanimación, Enfermaría e técnicos en coidados auxiliares de enfermaría do Hospital Universitario de Ourense.

Esta abordaxe multidisciplinar permite ofrecer tratamentos odontolóxicos adaptados ás necesidades de cada paciente, contribuíndo a previr complicacións, evitar a dor e mellorar a súa saúde, o seu benestar e a súa calidade de vida.

Trinta anos despois da súa formalización, o programa continúa sendo un exemplo de compromiso profesional, solidariedade, humanización e equidade no acceso á asistencia sanitaria.

O encontro celebrado hoxe constitúe tamén unha homenaxe a todas aquelas persoas que, desde os primeiros pasos desta iniciativa en 1990, contribuíron a facer posible unha atención sanitaria máis inclusiva e sensible ás necesidades das persoas con discapacidade e das súas familias.

Back to top button