En portadaSanidadeÚltima hora

A área sanitaria ourensá recibe hoxe a 46 novos residentes que se formarán como especialistas

Farano en 25 especialidades médicas, de enfermería, farmacia e psicoloxía

Residentes MIR e EIR de Familia.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras daba hoxe a benvida aos 46 novos residentes que se formarán como especialistas nos seus centros docentes, nas diferentes disciplinas médicas (MIR) de enfermería (EIR), farmacia (FIR) e psicoloxía (PIR).

As unidade docentes con maior número de residentes este ano son a Unidade Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria: 7 MIR e 5 de enfermería, 2 prazas máis que o pasado ano. Pola súa parte, a unidade de Saúde Mental recibe a maior promoción da súa historia, con sete novos residentes, un de psicoloxía, tres de psiquiatría e tres de enfermería especializada.

A formación especializada de enfermería tamén chega este ano a un fito histórico, sumando doce novos residentes (EIR), grazas ao aumento de tres a cinco de Enfermería Familiar e Comunitaria. Xunto a eles, incorpóranse tres en Saúde Mental, e dúas, respectivamente, en Pediatría e Obstetricia e Xinecoloxía.

Os novos residentes de medicina son trinta e un. Por especialidades as máis numerosas son Medicina Familiar e Comunitaria, con sete, seguida de Anestesioloxía e Reanimación, Pediatría e Áreas Específicas e Psiquiatría con tres residentes cada unha. Con dous Radiodiagnóstico e, con un, Medicina Interna, Cirurxía Xeral, Aparello Dixestivo, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Intensiva, Nefroloxía, Pneumoloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Otorrinolaringoloxía, Medicina Preventiva, Medicina do Traballo e Uroloxía.

 

Residentes e titores de Psiquiatría.

 

Xunto aos novos residentes de medicina tamén se incorpora unha residente (FIR) a farmacia hospitalaria e outro a psicoloxía (PIR).

Os novos e novas residentes foron recibidos polo xerente, Félix Rubial, xunto co presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata, e a xefa de estudos da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, Sandra Pardo, nun acto ao que tamén asistiron os seus titores e moitos dos seus novos co-residentes.

 

 

Máis dun cento de titores

O sistema sanitario público de Ourense ten unha dilatada experiencia na formación universitaria postgrao de ciencias da saúde, con mais de 40 anos de docencia, vía MIR, nas distintas especialidades hospitalarias, e desde 1991 tamén de Medicina Familiar e Comunitaria. Crecendo progresivamente a oferta docente con máis especialidades médicas e de enfermería.

Para guiar aos futuros especialistas ao longo de toda súa formación, e coordinar súa formación teórico-práctica, é imprescindible a figura dos titores das distintas especialidades. Son máis dun centenar de profesionais comprometidos coa formación que asumen xunto coa asistencia.

Formado por 113 profesionais, o grupo máis numeroso son os titores e titoras de medicina e enfermería familiar e comunitaria, 27 profesionais médicos e de enfermería repartidos nos centros de saúde docentes da provincia: En Ourense no Valle Inclán, A Ponte, Novoa Santos-O Couto, A Cuña e A Carballeira, ademais dos de O Carballiño, Xinzo de Limia, Allariz e Verín.

No acto celebrado esta mañá, os residentes recibiron súas acreditacións como especialistas en formación, así como un documento de acollida e unha guía rápida co itinerario básico, con información de primeira necesidade sobre pasos a seguir, e do Hospital Universitario de Ourense, nos que todos eles iniciarán súa formación.

A duración do período de formación dos novos residentes depende da especialidade elixida. Nas de enfermería son dous anos, farmacia e psicoloxía catro ao igual que na maioría das disciplinas médicas salvo en cirurxía xeral e do aparello dixestivo, traumatoloxía e cirurxía ortopédica, medicina interna, medicina intensiva e oncoloxía onde se estenden a cinco anos.

Artigos relacionados

Back to top button