CulturaCulturaEn portadaenBarcArteGalerías de fotosÚltima hora

A arte comeza a tomar as prazas do Barco

Xa están colocadas dúas novas instalacións das oito que formarán parte do 2º enBarcArte

Ademais de “Vieiros”, unha obra do valdeorrés Jorge Barredo  realizada en planchas de lousa e que comezaba a colocarse a pasada semana no Malecón do Barco, dende hoxe xa poden verse nesta vila outras dúas novas pezas que formarán parte do 2º Festival de Instalacións Artísticas no contexto urbano, enBarcArte. Esta proposta incluirá oito instalacións en diversos espazos abertos da vila e unha nun interior (a Praza de Abastos).

Unha delas está situada na praza do Concello do Barco, xunto ao edificio multiusos. Trátase de “Eco-Folie” da artista vasca Surya Namaskar. Nesta composición esta creadora de 26 anos xera un “particular vocabulario visual” e intenta “manifestar a súa preocupación pola inacción da sociedade e pola falta de concienciación e compromiso real ante o gravísimo problema que supón a contaminación e os residuos que xeramos”, en palabras do coordinador de enBarcArte e tamén artista, Jorge Barredo.

 

Montaxe da instalación “O Universo da Arte” na praza do Príncipe do Barco./ Foto: Jorge Barredo.

 

Por outra banda, na praza do Príncipe, xusto á entrada da sala de exposicións de Abanca, chama a atención a proposta da valdeorresa Raía, que leva por título “O Universo da Arte”. Nela incide no “Todo” como “un summun de correspondencias onde se produce unha delicada interdependencia entre todas as cousas”, segundo o curador deste festival, que conta co apoio da Concellería de Cultura do Barco.

Esta instalacións será a porta de entrada á exposición “As Vidas Humanas”, que tamén forma parte de enBarcArte e cuxo acto inaugural está previsto para o vindeiro sábado 7 de setembro ás sete e media da tarde na citada sala de Abanca.

Fotos da galería: Ángeles Rodríguez.

 

Outro dos momentos da instalación da obra./ Foto: Jorge Barredo.

 

A obra, na entrada á sala de exposicións de Abanca./ Foto: Jorge Barredo.

Artigos relacionados

Back to top button