Entre o 1 e 3 de maio A Portela de Portomourismo (Larouco-Petín) convértese nunha galería de arte ao aire libre, baixo as estrelas, coa terceira edición de ‘Arte no Rural’, unha exposición que amosa en horario de 20 a 23 horas, as obras (pintura e escultura) de media decena de artistas como Rogelio Diéguez, Lilí (+), Paradela Arte, Roberto Álvarez, Sina Arias e Noé Blanco, amais de veciños.
Da man da Asociación A Rabiosa coa colaboración dos concellos de Petín e Larouco a inauguración da mostra tiña lugar na tardiña do xoves 1 de maio, aproveitando o espazo e a ocasión para merendar ou tomar algo no bar instalado pola propia asociación. Os pequenos pola súa banda, plasmaban a súa propia arte nun muro cos debuxos feitos no obradeiro de pintura.
Entre os artistas, algúns repiten, como Roberto Álvarez da Rúa que xa expuxo o ano pasado, amosa unha escolma da súa obra que explora diferentes temas entrando agora no relixioso “encantado pola súa misteriosa estética”. Outros expoñen por primeira vez como Noé Blanco tamén da Rúa moi interesadona pintura e tamén na fotografía, cuxa obra caracterízase por unha fusión de influencias e elementos contemporáneos e tradicionais galegos, abordando temas como a natureza ou a vida cotiá.

A obra máis estensa é a de Rogelio Díéguez recuperou a súa paixón pola pintura trala súa xubilación, empregando nos seus cadros a técnica do realismo, “capa sobre capa, moitas cores e a obra queda igualiña a foto”, pintado retratos (moitos de familiares) e elementos patrimoniais tan coñecidos como as pontes da Cigarrosa ou do Bibei”.
E da escultura encárgase nesta ocasión Paradela Arte “unha aperta á natureza e á tradición natural”, unindo a madeira cun toque verde se sustentabilidade onde cada peza é “coma un fillo para min”, di o artista que chegaba hai uns anos ao concello de Manzaneda dende os Pirineos.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.



