ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

A arte toma o casco vello do Barco para homenaxear ao Camiño de Inverno

O mural do artista Juan Carlos Abraldes, froito dun proxecto de Aeva de posta en valor desta ruta xacobea, presentábase esta tarde nun acto intercalado con música

 

Mentres Juan Carlos Abraldes lle daba as últimas pinceladas ao enorme mural  (6 m de ancho por 8 m de alto) sobre o Camiño de Inverno no que leva traballando case un mes, soaba a música da banda Clon Bois, e o público ía achegándose ao recuncho do casco vello do Barco, xunto á praza Maior, que agora loce con esta fermosa obra plástica. Nela refléxase tanto o espírito desta ruta xacobea, á beira da cal se sitúa, ademais de referentes valdeorreses como o viño e elementos patrimoniais barquenses como a ponte de Éntoma ou a torre do Castro.

Na tarde deste 20 de novembro procedíase á inauguración deste mural, froito dun proxecto de promoción do Programa AEVAempregaTE, organizado pola Asociación Empresarial de Valdeorras (Aeva) e financiado pola Deputación de Ourense. Esta iniciativa tamén incluía actividades como un taller de banda deseñada para alumnos de secundaria barquenses, impartido polo mesmo artista autor do mural, Juan Carlos Abraldes, que é Diplomado en Artes Aplicadas pola Escola de Artes “Mestre Mateo”.

Así alumnado do IES Lauro Olmo traballou nun cómic conxunto, en equipo, coa temática do Camiño de Inverno, que espera publicar. Tal e como adiantaba durante o acto de presentación do mural a presidenta de Aeva, Araceli Fernández del Palacio. Así mesmo, lembraba o obxectivo deste proxecto: “promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística, fomentar o seu coñecemento entre a cidadanía, e poñer en valor os recursos turísticos estratéxicos do Camino de Inverno”, ademais de crear, nese senso, “sinerías entre diferentes entidades” e “implicar á comunidade educativa”. Fernández del Palacio tamén adiantaba que a vindeira semana esta iniciativa terá continuidade con novo mural, neste caso na Rúa.

 

 

Tras a presidenta de Aeva, tomaba a palabra a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, quen agradecía a iniciativa de Aeva de “levar á cultura á rúa”, indicando ademais que esta obra “define moi ben a esta zona e pon en valor o Camiño de Inverno”. Finalmente interviña o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, quen louvaba tamén este proxecto e referíase á súa continuidade no seu municipio, “estamos seguros de que o artista vai deixar unha pegada tan bonita como a do Barco”.

A continuación os asistentes desfrutaban dun concerto da banda valdeorresa Clon Bois, cuxo repertorio está constituído fundamentalmente por versións de rock/pop internacional.

 

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button