O vindeiro 14 de outubro, no marco da SELIC (Semana do Libro de Compostela) 2020 a poeta, actriz e dramaturga barquense Fátima N. Delgado presentará a súa performance poética Ouveos, baseada no seu último poemario Ouveos/Aullidos publicado pola editora cántabra Seda de Biso (á venda online e nas librarías Numax e na Lila de Lilith).
O acto contará co coloquio e presentación do libro a cargo de Branca Novoneyra e Diego Horschovski e Fátima, con vestiario da deseñadora Elba Ruíz, porá en escena a dramaturxia, unha peza de poesía escénica de tipo multidisciplinar na que a poesía e o teatro conviven co vídeo, o movemento e a música.
A propia artista avanza que o espectáculo céntrase en tres aspectos esenciais do libro: a voz, na procura dunha linguaxe propia; o ser humano e a súa natureza animal; e a expresión da ira como catalizadora. “O enfado convértese en berro ou ouveo”, asegura, engadindo que o núcleo é “a utilización do corpo para atopar a voz, a esencia animal e a carraxe”. Trátase dunha performance dunha soa artista, a propia poeta e actriz Fátima Delgado, que usa o seu corpo como canal e os seus poemas como intermediarios para narrar unha historia.