En portadaÚltima hora

A Asociación Casino do Barco recupera o galardón ‘Barquense do Ano’

O nome do premiado darase a coñecer o 14 de xaneiro, durante a Festa do Caldo Ilustrado

Representantes do IEV (Sherezade Núñez e Aurelio Blanco) e do Casino (Pablo Dobao e Marta Vidal) na rolda de prensa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Dada a “boa relación existente entre a actual directiva do Casino e o IEV, levamos xa un tempo organizando actividades de forma conxunta e dúas serán xa para comezos de ano”. Con estas palabras comezaba o presidente do IEV Aurelio Blanco Trincado, a rolda de prensa que daban na mañá deste mércores 21 de decembro para presentar a recuperación da figura do ‘Barquense do Ano’ despois de dúas décadas sen celebrarse; e a I edición da Festa do Caldo Ilustrado.

A festa gastronómica celebrarase o 14 de xaneiro nas instalacións do Casino, aproveitando ese momento para dar a coñecer ao galardoado deste ano, despois “o xantar será xa cando ao premiado lle veña ben, antes de Semana Santa”, puntualizaba na presentación o presidente da Asociación Casino do Barco, Pablo Dobao.

O ‘Barquense do Ano’ é un galardón creado pola directiva do Casino no ano 1986, sendo presidente da mesma Ángel Fernández Fernández, que se concedía a “aquela persoa ou institución que fixese algo destacable polo Barco, sen necesidade de ser nativo, pero si acreditar unha actividade de tipo cultural, social, humanitaria, deportiva e mesmo empresarial en ou polo Barco”.

 

Rolda de prensa no Casino do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O primeiro ano inaugurábase a orla apostando pola cultura, sendo o galardoado o Instituto de Estudos Valdeorreses cunha mención especial, a título póstumo, a Alfonso, veciño de Éntoma “quen soubo co seu exemplo e a perda da súa vida, deixar recordo permanente dos valores humanos, no incendio ocorrido nesta Vila o ano anterior”, explican dende o Casino.

O segundo e o terceiro ano seguiron apostando pola cultura premiando ao Orfeón Valdeorrés e ao dramaturgo barquense Lauro Olmo, respectivamente. En 1989, o galardón recaeu na ‘Plataforma aberta en defensa para a saúde’, creada para reclamar melloras nos servizos do Hospital Comarcal. En 1990, o premio foi para un gran médico e humanista barquense que exercía no Hospital Puerta del Hierro de Madrid. En 1991, entregáronse tres menciones: a Aurelio Blanco Trincado, presidente de Cruz Vermella, a Alfredo Fernández organizador dos descensos do Sil en Piragua e ao Club Adas de atletismo, polo seu apoio ao deporte. En 1992 o premiado foi Xelo de Tremiñá polo seu labor como escultor, en especial como imaxineiro; e en 1993, Tomás Pérez Vidal, Conselleiro de Agricultura pola súa contribución na compra e restauración da Casa Grande de Viloira.

En anos sucesivos os premiados foron a Asemblea Comarcal de Cruz Vermella con accésits a Asfaval e Protección Civil; e posteriormente a Ulpiano Rodriguez Gayoso, presidente de CUPA, cuxa empresa editou algún dos libros do IEV;  Antonio Melo Fernández, presidente de TAMESA, pola traxectora empresarial desde o seu fundador D. Santiago Melo; Joquin Fernández, director xeral de CEDIE pola exemplar traxectoria empresarial e colaboración coa cultura; Asociación de Veciños Porto da Barca, polo seu labor cultural; Conservatorio Superior de Música; Tuna Universitaria do Barco;  Asfaval,…

Artigos relacionados

Back to top button