ConcellosO BarcoÚltima hora

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense traballa para achegar os seus servizos a Valdeorras

O día 1 de outubro impartirá unha charla informativa no Multiusos do Barco e neste mesmo mes desenvolverá dúas xornadas

Publicidade

 

O proxecto e os servizos da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor) achéganse a Valdeorras. “Dende hai anos intentamos expandir os servizos da asociación pola provincia e, neste proceso, chegounos a petición dos familiares de afectados da zona do Barco, reunínomos con eles, para intentar ofrecer aí atención ao familiar, orientación e apoio a nivel emocional”, explican dende Afaor.

Nesa liña, xurden tres actividades que terán lugar neste outono no Multiusos do Barco. Así, o día 1 de outubro terá lugar ás 17:30h. a charla informativa “¿Como afecta a enfermidade do Alzhéimer á figura do coidador?”. Esta actividade está dirixida ao público en xeral, pero tamén a profesionais do ámbito sociosanitario como traballadores sociais, enfermería e mesmo especialistas. Ademais no seu decurso tamén se informará do que é Afaor.

Despois, os días 7 e 21 de outubro levaranse a cabo dúas xornadas informativas/informativas para coidadores de maiores dependentes que “poden ter unha demencia de Alzhéimer ou outro tipo de demencia, un deterioro cognitivo”, adiantan dende Afaor. Ademais, nestas xornadas incidarase, especialmente, “non tanto nos coidados que se van prestar ao afectado, senón en como lle afecta ao familiar no día a día a atención do paciente”.

Así mesmo, se neses encontros, se percibe interese entre a poboación da comarca, a intención sería “ofrecer, cada 15 días, un servizo de atención continuada de carácter psicolóxico, de apoio emocional que prestaría a psicóloga da asociación nesa zona de forma individualizada e con cita previa, evidentemente sería coa colaboración do Concello do Barco porque necesitaríamos unhas instalacións de forma continuada. E, nese intervalo de 15 días tamén continuaríamos coa atención telefónica”, di Afaor.

Dende esta entidade destacan que, ademais de ir a Valdeorras para facer atencións individualizadas programadas previa cita, “temos a intención, no caso de que existan perfís parecidos, de xerar un grupo de apoio ou de axuda mutua, que tamén funcionan en Ourense e funcionan moi ben, onde as persoas que teñen situacións similares poidan reunirse coa dirección da psicóloga e tratar diferentes temas. O do apoio grupal é un tema moi interesante, sempre e cando se dean as circunstancias. Non é o mesmo que un profesional che diga que te entende, que outra persoa que está pasando polo mesmo efectivamente asenta e diga: a min estame pasando isto, e eu actúo desta maneira. Ese reforzo que existe entre os coidadores que viven as mesmas situacións é tan potente ou máis que unha intervención dun psicólogo ou dunha terapeuta. E iso pretendemos levalo adiante tamén na zona do Barco”.

Máis información: 988219292 e recuerda@afaor.com

Artigos relacionados

Back to top button